Escoitar

O Concello agardará ata despois da Semana Santa para iniciar humanizacións en máis de 20 rúas

O alcalde, Abel Caballero, afirmou este martes que as humanizacións do Plan E que non comezaron iniciarán os traballos despois da Semana Santa, para que as festas transcorran "coas menores molestias posibles". O goberno vigués adxudicou hoxe martes melloras en 10 rúas por 6,5 millóns de euros que empregarán a 223 persoas. O resto de humanizacións do "Plan Zapatero" se aprobarán o venres, adiantou o alcalde.

martes, 24 mar 2009
1237901579poeta.jpg
Poeta Añón, en Bouzas, tamén está a ser humanizada
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este martes que o Concello agardará ata despois da Semana Santa para iniciar os traballos de humanización de máis de vinte rúas da cidade, todas as que restan por comezar correspondentes ao Fondo Estatal de Inversión Local do Goberno de España.

Abel Caballero informou de que, aínda que as humanizacións poderían comezar de inmediato, o Concello prefire agardar ata o 13 de abril, despois das celebracións da Semana Santa, para que esta "transcorra coas menores molestias posibles" para os cidadáns.

O goberno local validou hoxe martes as adxudicacións definitivas e os plans de seguridade e saúde dunha decena de humanizacións, por valor de 6,5 millóns de euros e que empregarán de xeito directo a 233 persoas. As rúas aprobadas pola Xunta de Goberno foron Jesús Fernández, Portela, Badajoz, José Antela Conde, Andalucía, Palencia, Sagunto (entre Martínez Garrido e Palencia), Toledo, Marín e Redondela.

O alcalde adiantou que, o próximo venres, o goberno local dará o visto bó á derradeira quenda de melloras, máis dunha decena de rúas en Vigo, con cargo ao Plan E. Como as anteriores, estas obras tamén darán comezo o 13 de abril, despois da Semana Santa.

Correspondentes ao Plan E do Goberno de España, Vigo xa ten iniciados os traballos nas rúas Faustino Álvarez e Val Miñor, ademais das humanizacións no entorno de POVISA e en Urzáiz, que deron comezo hoxe martes.
Descargar todas as imaxes