Escoitar

Evangelista, Sir Richard Bishop e Ches Smith abren o domingo no Marco o Sinsal 7

O Festival SINSAL 7 abre fogo o domingo 1 de febreiro, no Museo MARCO de Vigo, cun triple cartel que levanta acta do inmellorábel estado de saúde da música urderground norteamericana. Ás 19:45, ao prezo de 12 euros, o rock experimental de Evangelista, liderados pola cantante Carla Bozulich, xunta a Sir Richard Bishop, fundador dos lendarios Sun City Girl, e ao percusionista de free-jazz Ches Smith, serán os encargados de abrir a sétima edición deste encontro plural, sempre á espreita do que está a acontecer cos sons da contemporaneidade. As entradas pódense adquirir na propia billeteira do museo antes do concerto.

xoves, 29 xan 2009
1233234081cartelsinsal.jpg
Evangelista xurdiu das digresións sonoras da californiana Carla Bozulich xunta a un núcleo cotián de músicos, entre eles Tara Barnes, Dominic Cramp e Ches Smith. Figura absolutamente iconográfica da cultura marxinal nortamericana ao longo das dúas últimas décadas, de extenso currículo non só na música experimental senón tamén nas artes performativas e na literatura máis outsider, Bozulich e o seu grupo estrean o Festival SINSAL 7 o domingo no MARCO de Vigo, ás 19:45 h, coa posta en directo do álbum de catarse Hello Voyager (Constellation, 2008). Igual ca no resto de gravacións da cantante, neste disco non hai atrancos nin límites de estilo. O seu xeito de estrompar a canción americana nun espanto de voz e guitarra agavea até a máis alta das ruínas, algures onde se cruzan Patti Smith e Jarboe, coma se alí se acreditase que a música, ou é perigosa, ou non é nada.

Pero antes que Evangelista, tocaralles principiar o Salón SINSAL de inverno a Ches Smith, que fai tamén parte do grupo de Carla Bouzulich, e mais ao guitarrista Sir Richard Bishop. O segundo, orixinalmente Richard Kighted, foi fundador e membro durante vinte anos dos seminais Sun City Girls, a quen se lles atribúe a paternidade do recente "freak folk". Porén, non se poría o actual alcume deica o seu primeiro álbum en solitario, Salvador Kali (1998), que xa daba conta dunha feroz expresivade feroz coas seis cordas e da vontade de esmiuzar a tradición do instrumento dende unha posición sabiamente experimental. Polytheistic Fragments (2007) é a súa máis recente declaración caleidoscópica, a virtuosa demostración de até onde pode chegar alguén con apenas unha guitarra entre as mans. Django Reinhardt, Chet Atkins, John Fahey, músicas tuaregs ou hindús, ragas, mesmo flamenco, todo colle no seu talento multidimensional, capaz de trazar con tres notas una liña que conecta as melodías e harmonías dos catro puntos cardinais do hemisferio.

Pola súa banda, Ches Smith, batería e compositor do proxecto en solitario Congs For Brums, vive en Brooklyn, barrio neoiorquino que ten dado ao mundo algunha das bandas máis importantes da actualidade: Vampire Weekend, Gang Gang Dance, ou TV on the radio, por citarmos algunhas. A listaxe de grupos ás que pertence o percusionista tamén lle quitaría o hipo a calquera amante da música: Secret Chiefs 3, Evangelista, Xiu Xiu, os Ceramic Dog de Marc Ribot, Good For Cows, Mary Hakvorson Trio, These Arches ou Trevor Dunn´s Trio Convulsant. Nesta primeira xornada do Festival SINSAL 7, Smith intervirá ao primeiro de todo cunha extraordinaria performance de vibráfono e batería, de sonoridade única e dunha técnica e mestría abraiantes. Non por acaso aseguran as crónicas que Congs For Brums sobre un escenario son insupérabeis.


Falar de música de vangarda en Galicia é falar do Festival SINSAL, unha referencia xa indiscutíbel na oferta cultural do país. Aberta a propostas heteroxéneas e a múltiples públicos, esta sétima edición mantén o desconto do 50% nas entradas para estudantes e membros da comunidade universitaria de Vigo. Amais, de igual maneira que en anos anteriores, engadirá a súa presenza a diferentes colaboracións, coma a acción que está a preparar xunta ao Festival Alt para mediados de febreiro. Nesa altura o alumnado da Escola de Arte Dramático de Vigo recitará en varias liñas de autobuses urbanos de Vigo textos propios, acompañándose dunha selección musical por conta de SINSAL. A performance servirá tamén para anunciar as actividades de sendos festivais.

Na rolda de prensa de presentación do evento, o pasado 23 de xaneiro, Julio Gómez, organizador do SINSAL 7, anunciou ademais outra sorpresa, aínda que para o segundo semestre. Consiste en emprazar a estación de verán do Festival na Illa de San Simón, mediante un microfestival encaixado nunha fin de semana de xullo, para o que xa empezaron a traballar man a man coa Consellería de Cultura.
Descargar todas as imaxes