Escoitar

A cantante Amaia Zubiria estará en Vigo con motivo do Ano Europeo das Linguas

mércores, 31 out 2001
imx730.jpg
A artista Amaia Zubiria actuará o venres, 2 de novembro ás 22:30 no Centro Cultural Caixanova, dentro do programa ”As músicas faladas” organizado pola Concellería de Normalización Lingüística con motivo do Ano Europeo das Linguas. Con máis de 10 traballos discográficos e colaboracións nas bandas sonoras de películas como ”Ander e Jul”, ”Yoyes” ou ”Todo está escuro”, Amaia Zubiria é unha das voces máis destacadas do panorama musical vasco.

Amaia Zubiria estará acompañada por Pascal Gaigne (guitarras), Joxean Goikoetxea (acordeón) e Xabi Area (percusión). As localidades están á venda na taquilla telefónica (986 11 05 00) co prezo de 700 pesetas.

BIOGRAFÍA


Naceu no ano 1947 nunha vila que non era vila e ninguén se extranou. Foi a oitava dunha familia sen recursos, con penurias, e ninguén se extranou.

Ninguén se extranou cando deixou a escola pública para comezar a súa vida laboral, aos doce anos: tampouco causou extrañeza a súa voda aos dezanove na igrexa da vila que non era vila.

Naturalmente, ninguén se escandalizou cando aos vintecinco foi nai... por terceira vez. Pero foi un escándalo monumental, cando aquel “radiante día” tomou o camiño máis longo, máis difícil, o seu camiño.

No ano 77 Txomin Artola descóbrea para a canción, forman o grupo “HAIZEA” (O vento). Dous discos deixan constancia daquela bafarada de aire puro que nas turbulentas horas que se vivían veu representar aquela música, referencia obrigada aínda hoxe para comprender a evolución da música euskaldún. Os seus títulos “Haizea” (Vento) e “Hontz gaua” (A noite dos bufos).

Nesta época dos setenta a piques de rematar, a notoriedade do grupo sitúa á cantante no punto de mira de varias casas discográficas estatais que recuarían rapidamente ante a obstinada e “kamikaze” opción lingüística, como xa tiña ocorrido outras veces con outros cantantes neste mesmo país.

Excluída pois do ámbito estatal, Amaia reafirmábase día a día na súa andaina minoritaria da muller nun mundo de homes, vasca inconforme. ”Quen queira pode atoparme nas minorías”.

Resiste na creación e de cada embate rexorde con máis coraxe, de cada moda “son ondas que te pasan por riba, só hai que aguantar a respiración” , con máis dignidade.

No ano 83 contacta con quen habería de compartir dez fructíferos anos, actualmente un dos nosos mellores compositores e excelente guitarrista como é Pascal Gaigne. Con el gravaría tres magníficos discos en todo caso adiantados á súa época con arranxos complexos entrelazados á música tradicional cando entre nós non era aínda familiar o termo “fusión”: “Egun argi hartan” (Aquel radiante día): “Kolorez eta amentsez “ (De cor e de soños) e “Zineman” (No cine), composta esta última con bandas sonoras, sería o testemuño flagrante da grande inxustiza que o imperialismo da moda lle impón ao artista.

É pois a súa teimosía e o valor da amizade “amizade igual música” as que fan que Amaia comece de cero cada vez e cree. “crear igual a crer”.

É a gran amizade que a une a Txomin Artola a que os volve a unir nunha triloxía de música tradicional, que os tería ocupados varios anos dende o 91, “Folk lore sorta” ( manchea de flores de folk), pero a súa filosofía romántica sobre non esquecer a propia creación obrigounos a interromper aquel inesperado éxito (ou é que tal vez só saben loitar).

Amaia volve ao grupo que nunca deixou. Angel Unzu, Luis Camino e o propio Pascal Gaigne entre outros préstanlle cobertura para ao fin no 95 acadar as súas propias ás. O seu primeiro voo en solitario e sen querer vingarse máis que do tempo, chamaríase para sempre. “Amonaren mengantza” ( a vinganza da avoa).

Este traballo que estoupa na faciana de moitos/as admiradores/as dunha Amaia doce, cáseque lírica e dúo de tantos homes, costa asimilar. Amosa neste CD facetas tan diferentes, as veces contrapostas, coma un abano de posibilidades ás que poderá recorrer nun futuro e en canto aos textos, aínda sabendo que non pode competir cos excelentes poetas e letristas que no País Vasco hai, decídese polos máis directos, máis auténticos expoñentes dos seus sentimentos, os seus propios textos. O ter ás dá ás, a partir deste momento, quéreo todo.

Toca todos os paus, colabora con Ángel Illarramendi, Julia León, Luis Camino, Pascal Gaigne, Joscan Goikoetxea, Iñaki Salvador...

No 98 xa ten lista a súa segunda sinatura os arranxos desta da cal corren esta vez a cargo do gran guitarrista Angel Unzu: “Mai xuri” (miolo) adicado ás nais que o sufrimento converte en dura codia sen que esta nos deixe entrever o miolo enternecido polas bágoas ocultas, prisioneiras da demasiada dor, ás Bonafini que no mundo hai.Identifícase tamén coa muller que fai a rúa “como a ti muller da rúa, de día me queren triste, de noite cantante”. Recorda con cariño o melero da súa infancia o proponlle ao amante esquecerse só por unha vez do seu badalo.

Pero Amaia non abandona (non debe abandonar) a música tradicional. O mesmo ano 98 grava “Hou pitxu hou” adicado ó tan arraigado costume do entroido e Santa Ágeda en todos os currunchos de Euskal Herria. Amaia sabía moi ben que a música tradicional é a fonte da que se nutriría sempre dende que emprendeu o camiño máis longo “aquel radiante día”.

COMENTARIOS DE LUCIEN ETXEZAHARRETA. XORNALISTA.


Descargar todas as imaxes