Escoitar

"O logro máis importante do 2008 foi a aprobación do Plan Xeral"

O alcalde fixo balance este martes dun 2008 "francamente satisfactorio para o desenvolvemento da cidade", no que Abel Caballero destacou a aprobación do PXOM, a posta en marcha de 11.500 vivendas protexidas, a normalidade presupuestaria, o "decidido impulso" dado polos grandes proxectos e as "humanizacións masivas en toda a cidade".

martes, 30 dec 2008
1230644748P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este martes balance do 2008, un ano "francamente satisfactorio para o desenvolvemento da cidade" que tivo como "logro máis importante a aprobación do Plan Xeral", subliñou o rexedor local.

O PXOM representa para o alcalde "unha nova forma de entender a cidade", con calidade de vida e zonas verdes -como o paseo de Castelao e o entorno da Praza de España, citou o mandatario- e que supón unha oportunidade para a construción e a edificación. Abel Caballero subliñou que xa están en marcha 24.000 vivendas de iniciativa pública en 40 ámbitos da cidade, das que 11.500 serán protexidas. Ademais, Urbanismo xa iniciou o planeamento de 8.000 vivendas, con 3.200 de protección.

O alcalde resumiu a labor de goberno na "normalidade" acadada por exemplo na aprobación dos dous orzamentos municipais antes do inicio do mesmo, característica de "un goberno solvente" e algo que teñen acadado "moi poucos concellos en España", sinalou.

Abel Caballero subliñou o programa de inglés do que se beneficiaron preto de 4.000 escolares vigueses e que levou a 100 nenos tres semanas ao Reino Unido. Tamén destacou as medidas de tráfico: a redución dun 60% dos vehículos pesados no casco urbano, a reordenación de Travesía, a nova ordenanza de carga e descarga, e as novas liñas de VITRASA a Citroën, ao parque tecnolóxico de Valadares e ao Meixoeiro.

A "defensa do emprego nos sectores estratéxicos" supuxo outro eixo do goberno municipal en 2008, mediante o Plan Zapatero para reactivar o emprego e a construción, e as mesas sectoriais conformadas desde a Alcaldía, explicou o rexedor, como a do granito, a automoción, o naval, o téxtil, as novas tecnoloxías e o sector servizos.

O alcalde tamén enumerou outros logros de 2008, como o establecemento en Vigo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, a mellora da rede de saneamento en Cabral, Candeán e Bembrive, ou a aprobación da ordenanza contra o botellón inicialmente en Loriga, Praza de Portugal, o Berbés e Teófilo Llorente.

Grandes proxectos
Abel Caballero salientou en especial o "impulso" recibido polos grandes proxectos da cidade, "demandas históricas" como o Auditorio, xa en obras; a Alta Velocidade, coa "validación inminente" de Medioambiente á variante por Cerdedo, o eixo atlántico, o "proxecto viable e sólido" para a saída sur, a entrada en túnel á cidade e a nova estación de Urzáiz; ou a rede viaria, que hoxe mesmo a autovía alternativa a Pontevedra recibiu o visto bo medioambiental, segundo explicou o rexedor.

O alcalde tamén citou outros grandes proxectos como o Aeroporto de Vigo, en obras e en redacción da nova terminal por César Portela; o anteproxecto da nova depuradora, con 235 millóns de investimento, "calidade, capacidade e solvencia técnica", citou; ou o encargo recibido por Nouvel para o anteproxecto da "imaxe fiel e sen recortes" do seu Plan para o Porto. Abel Caballero tamén enumerou a consecución para Vigo da Biblioteca do Estado e da oficina do rexistro mercantil, o Gran Hospital, o túnel de Beiramar, e o proxecto de reordenación da Praza do Rei encargado ao arquitecto Rafael Moneo.

O rexedor rematou o repaso aos grandes proxectos coa Cidade do Mar, que hoxe martes recibiu a aprobación por parte do Consello de Goberno da Xunta de Galicia do convenio polo que se cede ao Concello as instalacións deportivas sen custo algún e se abrirán as instalacións para o uso cidadá. Por outra banda, Política Territorial redactará o proxecto para a realización do túnel de Julián Estevez, por valor de 11,5 millóns de euros, explicou Abel Caballero.

"Humanizacións masivas"
"Este foi o ano das humanizacións masivas na cidade", subliñou o alcalde, "repartidas polos barrios e as parroquias". Abel Caballero citou as xa inauguradas da escalinata de Jenaro de la Fuente en Blein Budiño, o entorno de POVISA e a Alameda de Bouzas. Ademais, indicou que se están a ultimar as de Sanjurjo Badía, o entorno Mercado de Teis, Sagunto, Cataluña, León, Aragón, Eugenio Kraft e Esperanto. Tamén están iniciando a súa execución, citou Abel Caballero, as de Castelao, Florida e Coruña.

O alcalde quixo destacar asemade a reparación de beirarrúas no rural, citando os traballos realizados nas parroquias de Lavadores, Matamá, Cabral, Candeán, Comesaña e Navia; e o avance das obras dos aparcadoiros de Pintor Colmeiro, Policarpo Sanz, Jenaro de la Fuente e Castelao.

Mención especial recibiu por parte do alcalde os 72 millóns de euros que Vigo recibe do Plan Zapatero para inversión local, que ampliará as "humanizacións masivas" a todos os barrios e parroquias de Vigo, ademais de completar algunhas executadas como o entorno de POVISA.
Descargar todas as imaxes