Escoitar

O alcalde recibiu este martes á Presidenta do Banco Nacional de Arxentina

Mercedes Marcó del Pont constitúe a sexta xeración dunha familia catalana que chegou a Vigo a mediados do século XVIII para emigrar posteriormente a Arxentina. Don Benaventura Marcó del Pont e Bori foi o primeiro industrial catalán empadroado en Vigo, en 1758, e esta familia axudou a industrialización viguesa, vinculo salientado hoxe martes tanto polo alcalde como pola Presidenta.

martes, 14 out 2008
1223985753P1010118.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este martes á Presidenta do Banco Nacional de Arxentina, Mercedes Marcó del Pont, sexta xeración dunha familia industrial chegada a Vigo a mediados do século XVIII.

O alcalde quixo dar a benvida á Presidenta e agradecer a súa presenza na cidade nun encontro no que se repasaron os vínculos que unen a Vigo con Arxentina, país onde os emigrantes vigueses foron "marabillosamente ben acollidos", subliñou Abel Caballero.

A Presidenta pola súa banda agradeceu ao alcalde a invitación e manifestou a súa "inmensa ledicia" por poder intercambiar "tantas alegrías" co rexedor vigués e coas distintas personalidades da cidade.

Mercedes Marcó del Pont visita Vigo esta semana por mor da mostra "Galegos e Cataláns. 1758-2008. A industria do mar", parte do ciclo cultural da Semana Caixanova do Atlántico. Na tarde deste martes, distintas personalidades encabezadas polo alcalde descubrirán unha placa conmemorativa no edificio municipal do Areal, o antigo Reitorado, o lugar onde se estableceu Don Benaventura Marcó del Pont a finais do século XVIII e onde naceron os seus fillos.

Benaventura Marcó del Pont foi o primeiro catalán empadroado en Vigo, en 1758, de todos os industriais que chegaron a mediados do século XVIII e que tanto aportaron ao carácter industrial e emprendedor dos vigueses.

Cando Marcó chegou a Vigo, só vivían preto de 400 persoas básicamente da agricultura e da gandería. Soamente dez anos despois, e grazas a amizade de Marcó con Carlos III primeiro e con Carlos IV despois, se estableceu en Vigo a maior base de corsarios ao servizo da Corona de España, chegando a ter nos seus barcos preto dun milleiro de empregados.

O traballo de Benaventura Marcó a prol de España na súa guerra contra Inglaterra permitiu que Carlos IV lle conceda a Vigo o privilexio de exportar ás Américas: nace entón a primeira fábrica de salgadura, o primeiro estaleiro... Vigo comeza a súa actividade febril e industrial e a pasos axigantados comézase a converter nunha praza marítima referente en toda Europa.
Descargar todas as imaxes