Escoitar

A cidade de Vigo presentarase de novo para ser sede da Universiada no ano 2015

Vigo comunicará oficialmente ao Consello Superior de Deportes antes do 5 de setembro que a cidade optará de novo a ser sede da Universiada, neste caso na que se celebrará no ano 2015. A decisión adoptouse tras a reunión que mantivo hoxe a Plataforma Cidadá da Universiada, na que se fixo unha valoración moi positiva do traballado desenvolvido no primeiro intento.

martes, 2 set 2008
1220359782universiada.JPG
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou tras a xuntanza que precisamente un dos aspectos que se tivo en conta para intentanlo de novo foi a boa valoración que todos os membros da Plataforma fixeron do traballo feito ata o de agora e da repercusión que tivo na proxección da cidade. Santi Domínguez explicou tamén que houbo algunha manifestación reclamando unha maior implicación política de todas as administracións. A este respecto o nacionalista adiantou que unha das propostas que fixo á Plataforma foi que un dos primeiros pasos sexa remitir unha carta a Emilio Pérez Touriño, Anxo Quinta e Alberto Núñez Feijoo para que, independentemente do resultado das vindeiras elección autonómicas, manifesten o apoio do Goberno galego ao proxecto. Esa mesma carta remitirase ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, para contar co seu resplado no caso de que Vigo sexa a cidade elexida.

Santi Domínguez dixo que desde hoxe xa se vai a empezar a traballar na búsqueda de apoios para que chegado o momento da votación final Vigo conte co respaldo suficiente. Nas vindeiras semanas manteranse conversas co Consello Superior de Deportes e tamén coa Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) para expresarlle que "Vigo volta a presentarse a esta carreira e que queremos gañar".

O tenente de alcalde quixo tamén sinalar que existe a posibilidade de que a cidade volte a perder no seu intento de acadar a Universiada e incluso non supere o primeiro corte, xa que hai outras cidades do Estado que xa manifestaron a súa intención de presentarse como Granada. "Como lle pasou a Murcia podemos non superar a primeira fase, pero desde logo que ningunha cidade do mundo nos vaia a gañar en ilusión, traballo e cidade", precisou.

Santi Domínguez explicou que aínda que a base do proxecto será a mesma, haberá aspectos que mellorar, sobre todo os contactos. "Se superarmos o corte estatal non podemos chegar a votación final só con boas palabras, temos que chegar con apoios comprometidos. O traballo máis importante nesta nova fase vai ser conseguir eses apoios", precisou.

En canto ao proxecto xa plantexou á Plataforma Cidadá que a candidatura de Vigo se amplíe e incorpore a outras cidades do seu ámbito. Desde xeito, segundo sinalou, ofreceriaselle a FISU como novidade novas instalacións deportivas xa feitas. Sen embargo, quixo precisar que todas as novas instalacións e remodelacións das xa existentes na nosa cidade que se contemplaban no proxecto inicial manteranse.

O tenente de alcalde presentou ao integrantes da Plataforma Cidadá as contas do proceso seguido no intento de ser sede da Universiada 2013. O total ascendeu a 1.329.000 euros. Os gastos do equipo profesional integrado por 15 persoas que elaborou o proxecto foron de 574.200 euros, os desprazamentos e aloxamentos supuxeron 130.048 euros, 262.066 euros corresponderon a merchandising, os actos protocolarios tiveron un gasto de 90.273 euros, as accións promocionais acadaron un custe de 56.086 euros, á elaboración da imaxe e publicidade da candidatura ascendeu a 191.197 euros e finalmente o gasto da oficina da Universiada e de equipos técnicos supuxeron 24.836 euros. Segundo sinalou, os membros a Plataforma Cidadá coincidiron en sinalar que foi un investimento ben empregado porque aínda que non se conseguiu o obxectivo, sí permitiu facer unha promoción da cidade "que valeu a pena". A este respecto, puxo como exemplo que o propio director xeral de Turismo, Rubén Lois, explicou que teñen recibido chamadas de tour operadores interesándose por Vigo e a súa área a través da promoción feita pola Universiada.

Santi Domínguez explicou que neste novo intento este orzamento poderá reducirse ata nun 70%, xa que unha parte do traballo xa está feito como é o que se refire a elaboracións dos dossieres ou anteproxectos das novas instalacións, que foi un dos aspectos nos que máis se investiu. Cifrou nun 500.000 euros o orzamento que sería necesario para voltar a presentarse.
Descargar todas as imaxes