Escoitar

O Concello elaborará un estudo para mellorar o servizo do Vitrasa ao CUVI e ao Parque Tecnolóxico

O alcalde informou, en rolda de prensa celebrada tras a Xunta de Goberno Local deste luns, que o Concello aprobou solicitar unha subvención ao INEGA para financiar os estudos encargados para mellorar o transporte público tanto ao Campus Universitario como ao Parque Tecnolóxico vigués. Ambos son "moi pouco eficientes", segundo explicou Abel Caballero.

luns, 1 set 2008
1220272210P5050013br.jpg
O alcalde, Abel Caballero, anunciou este luns que a Xunta de Goberno Local aprobou solicitar ao INEGA, o Instituto Enerxético de Galicia, unha subvención para financiar sendos estudos encargados polo Concello co obxectivo de mellorar o transporte público ao Parque Tecnolóxico e ao Camus Universitario vigués.

Ambos percorridos, explicou o alcalde, son "moi pouco eficientes" na actualidade, polo que estudo servirá como orientación para que o VITRASA mellore o servizo tanto ao CUVI como ao Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo.

Acondicionamento de Carril
A Xunta de Goberno Local tamén ampliou hoxe luns o prazo de construción do proxecto de mellora ambiental de Carril; un "acondicionamento medioambiental relevante" que contempla a construción dun paseo accesible e dunha zona verde na zona, sinalou o rexedor.

Durante o mes de agosto, as obras quedaron paralizadas por acordo do Concello e dos veciños, para que estes puideran celebrar as súas festas. Abel Caballero adiantou que os traballos estarán rematados nun mes.

XER
O alcalde informou asemade da aprobación do listado de controladores da XER, a zona azul, o que permitirá a eficacia das denuncias voluntarias dos axentes e a tramitación das mesmas.

Este servizo ten "gran importancia" para o tráfico da cidade, afirmou o rexedor, pois o sistema de rotación do aparcamento permite a mellora do tráfico de vehículos na cidade. A este respecto, Abel Caballero salientou que "non nos move o afán recadatorio" e que as denuncias se tramitarán con carácter retroactivo desde o pasado 9 de xuño.
Descargar todas as imaxes