Escoitar

María Méndez salienta a aposta de Benestar Social por ofertar actividades de lecer para nenos e nenas con discapacidade<br />

A concelleira de Benestar Social, a nacionalista María Méndez, salientou hoxe a aposta que realiza a súa concellería para ofrecer actividades de lecer para nenos e nenas con discapacidade. A edil do BNG realizou estas declaracións durante a visita que realizou ao campamento que Benestar Social está a desenvolver no colexio público Saladino Cortizo, dirixido a rapaces e rapazas con características especiais.<br />

xoves, 3 xul 2008
1215089702aspanaex.jpg
"Estas actividades representan a aposta de Benestar Social polo traballo a prol da integración e a igualdade real de todas as persoas", subliñou María Méndez, quen tamén destacou que a celebración deste campamento supón "un respiro" para os pais e as nais durante os quince días que dura a iniciativa. Segundo explicou a concelleira nacionalista, o campamento, que comezou o 30 de xuño e durará ata o 11 de xullo, en horario de 10 a 14 horas, desenvolve actividades no colexio así como saídas ao parque de Castrelos oou A Guarda, entre outros lugares.

María Méndez, ademais, anunciou que continuando nesta "aposta pola normalización da vida dos pais, nais, nenos e nenas", a Concellería de Benestar Social próximamente porá en marcha máis actividades de lecer desenvolvidas en colaboración cos colectivos relacionados coa discapacidade. "Pensamos que as actividades de lecer resultan fundamentais para as familias", subliñou a concelleira do BNG.

A directora do centro Saladino Cortizo, Conchi Martínez, sinalou que neste proxecto da Concellería de Benestar Social participan arredor de vinte rapaces e rapazas. "Por ser nenos e nenas con distintas características non podemos formar grupos moi numerosos, posto que reciben unha atención moi individualizada". As representantes das nais e pais dos rapaces participantes agradeceron a iniciativa á Concellería de Benestar e manifestaron a súa satisfacción polo feito de que os seus fillos e fillas poidan disfrutar dos campamentos como calquera outro neno ou nena, "porque vemos que veñen moi contentos", aseguraron.
Descargar todas as imaxes