O novo hospital de Vigo amplía a súa superficie asistencial
O proxecto arquitectónico básico definitivo do novo Hospital de Vigo presentado hoxe polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, recolle as achegas dun total de 24 grupos de traballo de profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Estes profesionais facilitaron ao equipo arquitectónico as súas conclusións do estudo e análise do proxecto inicial enriquecéndoo. Por iso, o proxecto experimentou unha ampliación da súa superficie asistencial dun 14,21 por cento, pasando de 152.000 metros cadrados a un total de 173.600 metros cadrados construídos na área asistencial. A superficie destinada a aparcamentos tamén rexistrou un aumento do 30,21 por cento, ao pasar de 96.000 a 125.000 metros cadrados.
O deseño que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde están a facer do novo Hospital de Vigo contempla unha actuación integral para o conxunto da área sanitaria de Vigo que prevé a especialización de centros nun sistema multihospitalario. Deste xeito está previsto que o Hospital Meixoeiro ofreza unha xestión integral de pacientes oncolóxicos do Sur de Galicia desenvolvendo un instituto oncolóxico para a prevención, tratamento e rehabilitación integral dos pacientes con patoloxías tumorais. O Hospital Nicolás Peña especializarase nos recursos intermedios.
O novo Hospital de Vigo terá un rol central na xestión de pacientes agudos críticos, cunha xestión integrada das urxencias, en coordinación con Atención Primaria, e co resto de hospitais da Área Sanitaria de Vigo. Centralizará a xestión de recursos humanos, de servizos centrais, de soporte non clínicos, de calidade, do coñecemento e dos sistemas de información, e ofertará a máis alta intensidade tecnolóxica ao servizo da rápida resolución dos problemas das e dos pacientes. Ofrecerá un amplo desenvolvemento da atención ambulatoria e unha especial atención á saúde materno - infantil, cunha área específica e diferenciada, ademais de ofrecer unha xestión integral das Urxencias.
Atenderá a 600.000 persoas
O novo hospital dará cobertura a toda a área sanitaria de Vigo, cunha poboación estimada de 600.000 persoas. A zona de hospitalización convencional inclúe 625 camas médico - cirúrxicas; cinco unidades de camas para críticos e tres para psiquiatría, 322 camas materno - infantís, e 120 camas de coidados mínimos. Haberá dúas unidades de reanimación e outras tantas de espertar. O hospital de día terá 133 camas, e outras 62 se destinarán a observación de urxencias. En termos xerais, máis dun dez por cento das camas de hospitalización convencional dedícanse a coidados críticos.
Dentro da área materno - infantil, onde todas as habitacións para obstetricia serán de uso individual, haberá 14 camas destinadas á humanización de parto, e outras 14 para UCI pediátrica. O novo hospital de Vigo contará con gardería.
O novo hospital de Vigo conta con 155 locais de consulta, 40 gabinetes de exploración, e 49 gabinetes especiais, entre os que figuran dez para cardioloxía e cirurxía vascular, oito para dixestivo, sete de pneumoloxía, e catro de uroloxía. Cada un destes servizos contará ademais con gabinetes de reserva. No deseño do novo Hospital de Vigo está contemplado que haxa consultas de alta resolución en diversas especialidades.
O plan funcional do novo hospital de Vigo inclúe 35 postos de diálise, outros tantos médicos polivalentes, e 35 máis cirúrxicos, así como 16 postos de pediatría, 12 de obstetricia e 33 de recuperación.
A área de urxencias contará con 16 locais de consulta, 39 boxes de exploración xerais. Haberá outros seis boxes de exploración tocoxinecolóxicas, cinco locais de consultas pediátricas e oito boxes de exploración infantil.
Potenciación do diagnóstico por imaxe
Potenciarase as áreas de diagnóstico por imaxe, con zonas específicas; agruparanse equipos por natureza de exploración e procedencia; almacenaranse e distribuiranse todas as probas en formato electrónico. Disporá de densiometría, hemodinámica, radioloxía intervencionista, xenética molecular, estudo do sono, e unidade de arritmias, entre outras técnicas de diagnóstico.
Haberá modernos laboratorios tanto no seu funcionamento como por estar dotados das máis avanzadas técnicas biomédicas, e organizaranse a partir da unificación das diferentes áreas de coñecemento e a integración das fases preanalítica e postanalítica.
Unificarase, ademais o Servizo de Farmacia que dará cobertura tamén a Atención Primaria. A distribución interna de medicamentos realizarase mediante sistemas de unidose e disporá de sistemas de dispensación automatizados en urxencias, quirófanos e UCIs.
Todo isto converte ao novo Hospital de Vigo nun proxecto de carácter dinamizador económico e social da área sanitaria e da cidade de Vigo, ofrecendo un edificio para un novo hospital orientado ao usuario e usuaria e ao conxunto de profesionais; comprometido coa excelencia e a eficiencia, funcional, viable e sostible a longo prazo; cunha clara vocación docente e investigadora; preocupado pola convivencia de familiares, pacientes e profesionais.
O novo hospital de Vigo será un centro en rede que constituirá un nodo dentro dunha rede de servizos integrados; altamente especializado e de referencia en especialidades de elevada complexidade; cunha alta intensidade tecnolóxica, potenciando a atención ambulatoria, que podería chegar a resolver o 45 por cento dos procesos cirúrxicos; e cunha especial atención á saúde materno-infantil.