Escoitar

Constituído o Consello Municipal de Tecnoloxías da Información e Comunicación

Este luns tivo lugar no edificio municipal do Areal a constitución do Consello Consultivo das TIC, do que formarán parte todas aquelas empresas do sector ubicadas en Vigo e a súa área de influencia. O seu obxectivo será que os expertos na materia asesoren ao alcalde nos proxectos que favorezan a mellor calidade de vida dos cidadáns e á cidade no seu conxunto.

luns, 9 xuñ 2008
1213015672consejo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este luns a constitución do Consello Consultivo das TIC, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, que se formará con carácter periódico, e que contou hoxe coa presenza de unhas 50 empresas do sector, aproximadamente.

O Consello supón o marco no que se darán cita as empresas, os expertos e os profesionais da materia baixo a finalidade de propoñer, analizar e asesorar ao alcalde en todas aquelas cuestións e proxectos que favorezan unha mellor calidade de vida aos cidadáns e á cidade en xeral.

Abel Caballero explicou que "todos somos conscientes da enorme importancia das novas tecnoloxías para os cidadáns, e ademais son as PYMES as grandes impulsoras da aplicación masiva das tecnoloxías da información e a comunicación e, como non, como imprescindibles axentes dinamizadores do sector".

Todas as compañías relacionadas con estas tecnoloxías, asentadas tanto en Vigo como na súa área de influencia, poderán pertencer ao Consello, que disporá dun Comité Executivo formado ademais por representantes da Universidade, da Autoridade Portuaria, de Zona Franca, do Concello de Vigo, da Mancomunidade e Operadores de Telecomunicacións.

O alcalde salientou a "clara conexión de identidade entre Vigo e o sector TIC", que reportará "importantes beneficios" á cidade. Neste sentido, Abel Caballero citou exemplos como que a única Escola Técnica Superior de Galicia de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia radique en Vigo, así como os "centros tecnolóxicos punteiros en I+D+i": software a medida, equipos, consultores e formación TIC, comunicación e redes, etc.

Estas tecnoloxías, segundo afirmou o alcalde, "promoven o emprego cualificado, xeran riqueza a través das PYMES que o conforman e proxectan unha imaxe consolidada de excelencia produtiva".
Descargar todas as imaxes