Escoitar

Urbanismo suspende tres licencias de locais nocturnos por estar en zonas acústicamente saturadas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves da resolución da Xerencia de Urbanismo de suspender tres licencias solicitadas por locais nocturnos ao entrar no ámbito das zonas acústicamente saturadas. Estas actuacións van "moi en serio" e constitúe para o rexedor "a aplicación firme dunha norma conveniente para a cidade".

xoves, 29 mai 2008
1212065699imagen42.jpg
O Consello da Xerencia de Urbanismo deste xoves resolveu suspender tres licencias de obra e de actividade solicitadas por locais nocturnos por estar situados en zonas declaradas como acústicamente saturadas (ZAS).

A tramitación e solicitude das licencias é anterior á aprobación das ZAS, pero a decisión de non outorgalas aplica xa a nova normativa, motivo polo que se suspenderon, informou Abel Caballero.

O alcalde salientou, tras a sesión do Consello, que a aplicación das ZAS na cidade "vai moi en serio", e esta actuación representa unha "aplicación firme dunha norma conveniente" para Vigo e os seus cidadáns.

Pleno extraordinario
Este xoves tamén tivo lugar en sesión extraordinaria un novo Pleno da Corporación Municipal, cun único punto na orde do día: a aprobación dos representantes locais para a asemblea de Caixanova. O Partido Popular propuxo dez nomes, outros sete os aporta o PSdeG-PSOE e tres máis, o BNG. A elección tivo lugar por unanimidade.
Descargar todas as imaxes