luns, 5 febreiro 2024

O goberno local cooperará coa Cámara de Comercio para a creación dunha incubadora de sectores estratéxicos

Abel Caballero mantivo unha xuntanza coa directiva da Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía para abordar a creación dunha incubadora para sectores estratéxicos emerxentes en Europa. Segundo expresou o alcalde, o proxecto podería desenvolverse no edificio de Formega, e estaría dotado con fondos europeos. Para o rexedor trátase dun proxecto "ambicioso" e que abordaría cuestións como a mobilidade urbana, turismo, patrimonio cultural, administración dixital, entre outras cuestións. Caballero non descartou que Zona Franca puidera sumarse ao proxecto ideado pola Cámara de Comercio xunto á Fundación INCYDE.

Concello e Conxemar avanzan na colaboración para a cesión dun espazo no Mercado do Berbés

luns, 5 feb 2024

O alcalde mantivo unha xuntanza coa directiva de Conxemar na que avanzaron na colaboración para poñer en marcha un proxecto que achegue o consumo dos produtos do mar á rapazada. Abel Caballero informou que o Concello pon a dispor de Conxemar un espazo no Mercado do Berbés, sen interromper a acción do Mercado, para levar adiante esta iniciativa. "Hai que seguir familiarizando os produtos do mar cos mozos e mozas, é un consumo saudable e con alto nivel proteico", expresou o rexedor.