luns, 26 decembro 2011

A concelleira de Facenda ratifica que o Concello de Vigo ten ao corrente o 98% dos seus pagos

Na sesión plenaria deste mes, Raquel Díaz presentou o estado de execución orzamentaria correspondente ao terceiro trimestre do ano, que revela que o Concello de Vigo "non deixa a ninguén sen pagar" pois ten abonadas o 98% das facturas. A 30 de setembro, o goberno local executou máis de 160 millóns do orzamento, dos que preto de 30 millóns corresponden a investimentos. As contas "demostran o bo estado de liquidez" das arcas municipais.

O Pleno reclama á Xunta de Galicia que acometa melloras nos colexios Castelao de Navia e Javier Sensat

luns, 26 dec 2011

Os votos dos grupos socialista e nacionalista, coa oposición do PP, sacaron adiante este luns a moción dos segundos pedindo ao goberno autonómico que acometa a ampliación do colexio A.R. Castelao de Navia e o peche exterior do Javier Sensat, así como a cubrición das pistas deportivas de ambos centros educativos vigueses. Ademais, a Corporación tamén validou un decálogo de propostas á Xunta para "frear o deterioro do sistema educativo".

O Concello esixe á Deputación que abone os 450.000 euros de débeda co MARCO de Vigo

luns, 26 dec 2011

A moción socialista, co apoio do BNG e a oposición do PP, demanda á institución provincial que satifaga a súa débeda desde 2009 co Museo de Arte Contemporánea de Vigo, así como solicitar ao Presidente da Deputación, Rafael Louzán, a apertura dunha Comisión de Investigación sobre a custodia dos fondos públicos provinciais. O Pleno tamén solicitou á Xunta de Galicia a creación dun xulgado de 24 horas en Vigo e o mantemento da achega para a Fundación Juan Soñador de Vigo para o "Programa na rúa" de educación integral.

A Corporación pide que o Centro Cívico de Teis siga xestionado pola Asociación de Veciños do barrio

luns, 26 dec 2011

Dúas mocións plenarias, presentadas polo BNG e o PP, foron aprobadas este luns cos votos de ambos grupos e a abstención socialista, pedindo ao goberno local que renove o convenio polo que a AVV de Teis xestiona o Centro Cívico do barrio, unha vez o Concello comunicou a non renovación do mesmo. Por outra banda, o Pleno acordou solicitar do goberno central que clarifique a cobertura sanitaria para os parados de longa duración.