venres, 23 setembro 2011

O alcalde asegura que o Concello destina 2,7 millóns de euros para o albergue

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe venres a modificación necesaria para que entre en vigor o convenio asinado polo Concello e a entidade social Emaus para a adaptación e xestión do Centro de Acollida Polivalente no Casco Vello de Vigo. Unha vez validada a autorización de uso, Emaus poderá adaptar o edificio da antiga Escola de Hostelería, no Berbés, para a súa nova función; para o que o goberno local abonará 512.000 euros ao ano desde 2012 a 2015, máis 675.000 euros de obra e equipamento.

Caballero defende que o Convention Bureau promocione a potencialidade turística da actividade pesqueira e portuaria viguesa

venres, 23 set 2011

O alcalde presidiu este venres a reunión do Padroado da Fundación, a primeira reunión tras a chegada da nova Corporación, onde tamén se propuxo ao anterior Director de Proxectos da Mancomunidade de Vigo, Pablo Cameselle, como Director-Xerente da Vigo Convention Bureau. Como acontece noutros países, Abel Caballero avogou por potenciar a parte turística da lonxa pesqueira, dos astaleiros e do tráfico de contenedores

Chus Lago presenta un "Camiño a Camiño" que inclúe actividades para a xuventude e de voluntariado ambiental

venres, 23 set 2011

A concelleira de Medioambiente presentou este venres unha nova edición desta popular iniciativa de saúde e educación ambiental, que desta volta continúa cos roteiros pola cidade e suma novas saídas fóra do municipio, programa actividades específicas para a xuventude e a infancia, e engade un novo apartado de voluntariado ambiental. Os participantes deberán estar empadroados en Vigo e recibirán unha ficha coleccionable en cada percorrido.

Familiares de nenos afectados pola leucodistrofia celebran en Vigo unha marcha de sensibilización, o sábado

venres, 23 set 2011

A concelleira de Política de Benestar, Isaura Abelairas, participará na marcha de sensibilización sobre as leucodistrofias que se celebrará o sábado día 24 de setembro, ás 17 horas. Partirá do Parque de Castrelos (escenario pequeno situado á esquerda onde se lerá un manifesto relativo á xornada mundial sobre esta enfermidade), e que continuará o percorrido ao longo da Avenida de Castrelos, Gran Vía, Urzáiz e Príncipe, até chegar á Porta do Sol,onde terá lugar a solta de globos brancos en símbolo do apoio a todas as familias que sofren esta enfermidade.