mércores, 28 xaneiro 2004

Alianza luso-galega para promover o uso sostible dos montes periurbanos de Vigo e Vila Nova de Cerveira

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro; o alcalde de Vila Nova de Cerveira, José Manuel Vaz; e o presidente da mancomunidade de montes de Vigo, Antonio Comesaña e o conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández asistiron hoxe en Santiago á presentación do proxecto común para a promoción do uso sostible dos montes periurbanos da cidade olívica e da vila portuguesa, iniciativa na que tamén participa a Deputación Provincial de Pontevedra. No decurso do acto tivo lugar a sinatura das cartas de compromiso financeiro para este proxecto.

Curso de forxa tradicional

mércores, 28 xan 2004

A Escola Municipal de Danza organiza un curso de "Forxa Tradicional" co que se pretende dar unha orientación teórica e práctica do oficio do ferreiro. O curso terá lugar os días 7 e 14 de febreiro e forma parte das actividades complementarias da Escola co fin de traballar na recuperación e difusión dos oficios tradicionais de Galicia.

A Asociación de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade de Vigo convoca novas liñas de axuda para a dotación informática de empresas e asociacións

mércores, 28 xan 2004

A Asociación de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (ADR–MAIV) vén de convocar un réxime de axudas que, abranguidas no ámbito de actuación do programa PRODER II, pretenden facilitar a asociacións, empresas e conxunto da poboación o acceso ás tecnoloxías da información e a comunicación. Por isto, a ADR-MAIV presenta catro liñas de axuda que se concretan da seguinte forma: dotación informática de asociacións, dotación informática de empresas, sensibilización cara ás novas tecnoloxías da poboación en xeral e sensibilización cara ás novas tecnoloxías das empresas.

Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo

mércores, 28 xan 2004

A Xerencia de Urbanismo tratará na xuntanza que se celebra o xoves, día 28 ás 10 horas, sobre o convenio de colaboración entre o Concello e Renfe para a construcción da nova estación de ferrocarril de Vigo, reordenación da praza da Estación e ordenación do seu ámbito.