Escoitar

As obras de acondicionamento da praza da Independencia comezan o luns

xoves, 20 set 2001
imx573.jpg
Praza da Independencia
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, anunciou que o luns 24 de setembro van comezar as obras de acondicionamento da superficie da praza da Independencia segundo o proxecto consensuado pola Corporación municipal. A empresa adxudicataria do aparcamento da praza comunicoulle hoxe ao alcalde que acata a resolución do Pleno do Concello na que se lle daba un prazo de 15 días para principiar os traballos.

A empresa ten un prazo de tres meses para rematar a execución da primeira fase do proxecto aprobado polo Concello e que abrangue o acondicionamento do perímetro da praza e da parte das rúas radiais afectadas pola obra.

O alcalde afirmou que a intención do Goberno municipal é a de que os traballos continúen sen interrupción coa reforma da rúa Álvaro Cunqueiro. Para iso, comezará de inmediato a tramitación da segunda fase do proxecto.

Lois Castrillo manifestou a súa satisfacción ao comprobar que finalmente imperou a cordura no enfrontamento entre a Administración municipal e a empresa adxudicataria do aparcamento da praza da Independencia. Segundo o alcalde, a empresa tomou unha boa decisión ao reconsiderar a súa inicial postura de non executar a obra de acondicionamento da superficie da praza.
Descargar todas as imaxes