Escoitar

Carlota Álvarez Basso: ”O Museo de Arte Contemporánea ten a vontade de converterse en sinal de identidade para os vigueses”

xoves, 20 set 2001
imx571.jpg
Carlota Álvarez Basso
Carlota Álvarez Basso foi xerente do Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra e xefa do Departamento de Obras de Artes Audiovisuais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Agora dirixe o Centro de Arte Contemporánea e pretende que este centro sexa ”un referente para a proxección da cidade e de Galicia no exterior”.

Álvarez Basso foi comisaria e coordinadora de numerosas exposicións en Europa e América, traballou no ”Museum of Modern Art” de Nova York, recibiu premios pola coordinación da producción de vídeos documentais, participou en diversas conferencias e mesas redondas e elaborou catálogos para exposicións.


”O novo Museo de Arte Contemporánea pretende ser unha institución que, ademais de cumplir as funcións propias dun museo convencional de conservar, investigar e exhibir obras de arte, teña entre os seus obxectivos producir, formar, comunicar e difundir a cultura contemporánea”, sinalou Carlota Álvarez Basso.

A directora do Museo de Arte Contemporánea explicou que ”será un lugar que terá como elemento de diferenciación a multidisciplinariedade da súa programación, a súa apertura a tódolos soportes artísticos actuais e a vontade de afianzarse como un espacio de risco para a exhibición e difusión cultural”. ”O museo ten a vontade de converterse en sinal de identidade para os vigueses e nun referente para a proxección da cidade e de Galicia no exterior”, afirmou.

Crearase unha colección viva e atractiva, un programa de exposicións temporais, un centro de documentación e unha programación regular de actividades pedagóxicas para adultos e nenos. Faranse tamén actividades extramuseísticas e intervencións artísticas pola cidade e fomentarase a investigación para especialistas e artistas, ademais de manter unha rigorosa liña editorial e de crear unha Asociación de Amigos do Museo activa e integradora, segundo as explicacións de Álvarez Basso.

”Co museo porase en funcionamento unha cafetería-restaurante de alto nivel que sirva de punto de encontro gastronómico na cidade e abrirá unha tenda-librería de calidade, con mercadorías novidosas e especializadas”, afirmou a directora.

Características do museo

O museo, de titularidade municipal, disporá dun espacio de máis de 10.273 metros cadrados destinados a actividades culturais. Parte do soto destinarase a servicios de carácter técnico como almacéns, zona de recepción de obras e departamento de restauración. O corpo dianteiro do andar principal acollerá os servicios de cafetería-restaurante e tenda-librería, o gardarroupa, as zonas de atención ó público e mailo salón de actos. Na parte traseira haberá unha zona de exposicións.

O primeiro andar ten 2.411 metros cadrados, dos que 1.000 estarán dedicados a sala de exposicións e o resto ó centro de documentación e mediateca. O segundo andar, de 878 metros cadrados, destinarase a oficinas. A actuación contempla tamén a construcción dun pequeno edificio anexo destinado a sala de proxectos e exposicións.

”As particularidades históricas, sociais, culturais e económicas da cidade non se correspondían coa dotación de infraestructuras dedicadas á cultura, o que puxo de manifesto a necesidade, expresada no Plan Estratéxico de Vigo, de proveer a urbe dun espacio destinado á arte contemporánea”, manifestou Carlota Álvarez. O recoñecemento desta insuficiencia e a dispoñibilidade dun edificio singular situado nun emprazamento privilexiado no centro do casco urbán foron os principais factores que motivaron a posta en marcha desta nova proposta museística.

A elaboración do proxecto de rehabilitación do antigo edificio dos Xulgados e Cárcere de Vigo (1880) foi adxudicado en 1995 ó equipo de arquitectos formado por Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas. O inmoble, que responde ó concepto de arquitectura radial panóptica, foi declarado Ben de Interese Cultural o 6 de outubro de 1990, polo que conta coa tutela da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Descargar todas as imaxes