Escoitar

Turismo pon en marcha a oferta formativa para comerciantes e hosteleiros do Casco Vello

O vindeiro 31 de marzo dará inicio o primeiro curso dirixido aos comerciantes e hosteleiros do Casco Vello vigués, segundo anunciou este luns o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo Santi Domínguez. A oferta comezará cun curso de inglés gratuíto que se desenvolverá ata o mes de xuño no centro cívico do Casco Vello durante dous días á semana nun horario a convir entre os propios interesados.

luns, 17 mar 2008
"Esta iniciativa enmárcase no plan de dinamización do Casco Vello que consideramos necesario potenciar por ser este enclave a primeira zona que visitan os turistas ao chegar á cidade por mar", explicou o tenente de alcalde, quen sinalou que este ano Vigo batirá o récord de cruceiristas, xa que está previsto recibir 114 escalas de trasatlánticos e superar, deste xeito, a cifra de 200.000 cruceristas, un 25 por cento máis que no exercicio pasado.

Santi Domínguez subliñou que a posta en marcha da oferta formativa dirixida a comerciantes e hosteleiros do Casco Vello forma parte así mesmo das iniciativas que se están a levar a cabo para acadar que Vigo teña a excelencia turística. Nesta mesma liña, o tenente de alcalde adiantou que se están "pechando os trámites" para desenvolver un curso de pinchos e tapas, de xeito que o Casco Vello sexa un lugar "para estar e gozar no tempo de lecer". Outro curso que se ofrecerá proximamente dende a Concellería de Turismo estará adicada á atención protocolaria e á atención ao público. Tamén se está a traballar para que os establecementos de hosterías estén equipados con cadeiras adaptadas para os nenos e nenas e para mellorar a accesibilidade dos mesmos.

Para incribirse no curso de inglés só é preciso chamar á concellería de Turismo, indicando cal é o horario preferente, de xeito que as clases, centradas especialmente na conversa, comezarán no momento que haxa dez persoas coincidentes nese horario. Con este procedemento quérese que os cursos estean totalmente adaptados á demanda e ofrezan unha atención altamente personalizada.