Escoitar

A campaña "Axuda a vivir" inicia a súa segunda fase co reparto de árbores para a súa plantación

Rematada a primeira fase da campaña "Axuda a vivir: doa sangue e planta unha árbore", na que se realizaron 420 doazóns, este martes tivo lugar na Lonxa do Concello o reparto de árbores para a súa plantación por parte das persoas que doaron e que desexasen pasar a recoller o seu exemplar.

martes, 19 feb 2008
1203430611axudaavivir190208.jpg
O reparto das árbores, de especies nobres como o pradairo, o buxo, o carballo e o acivro, foi realizado por varias voluntarias coa axuda de Santos Héctor Rodríguez, quen dirixe a Concellería de Participación Cidadá, organizadora da campaña xunto coa Oficina Municipal de Voluntariado, o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia e a organización Amigos da Terra.

As doazóns de sangue, 420 en total, foron feitas do 21 ao 25 de xaneiro en cinco puntos da cidade, e un 23% corresponderon a novos doantes, segundo salientou Santos Héctor Rodríguez, quen agradeceu a axuda prestada polos cidadáns a esta campaña e os animou a continuar colaborando co Centro de Transfusión.

A segunda fase da campaña iniciouse este martes co reparto de árbores aos doantes que quixeron pasar a recollelas para plantalas nun terreo da súa elección. As árbores que non se repartiron este día plantaranse en distintos puntos do termo municipal o venres 22.

As plantacións terán lugar en catro parques forestais e zonas verdes da cidade: parque forestal do Vixiador, monte dos Pozos, praia de Alcabre (xunto ao Hotel Los Escudos) e rotonda da Estación de Autobuses. A plantación farase conxuntamente entre as voluntarias e voluntarios e dous centros de ensino, os colexios "Eijo Garay" e "Rosalía de Castro".
1203430611axudaavivir190208.jpg
1203430621axudaavivir190208b.jpg
Descargar todas as imaxes