Escoitar

O Fondo Galego de Cooperación ofrece no Verbum unha mostra dos seus dez anos de historia

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conta xa cunha década de historia. Para celebralo e para dar a coñecer as actividades que ten desenvolvido esta entidade en diferentes países ao longo deste tempo, o Verbum-Casa das Palabras acolle a partir deste martes e cando menos ata o próximo 3 de marzo a exposición "O Fondo Galego, dez anos con proxectos".

martes, 19 feb 2008
1203428560fondo190208.jpg
A mostra, que constará de 12 paneis temáticos máis un que servirá de introdución, foi presentada este martes pola concelleira de Benestar Social, María Méndez, como unha maneira de "tratar de que a sociedade viguesa coñeza o que é o Fondo". Méndez lembrou que o Fondo Galego de Cooperación se creou hai agora algo máis dunha década co obxectivo de sumar os esforzos das Deputacións Provinciais e dos concellos en materia de cooperación para o desenvolvemento, que daquela se realizaban, segundo afirmou, "dunha forma un pouco caótica".

No proceso de posta en marcha do Fondo o Concello de Vigo tivo un papel "pioneiro", segundo asegurou María Méndez, coa súa adhesión no ano 1999, momento a partir do cal "o Fondo comezou a avanzar", ata incluír os 102 concellos e as catro Deputacións que o conforman na actualidade. Estas institucións traballan conxuntamente en programas e proxectos que procuran mellorar as condicións de vida en diferentes países, principalmente hispanoamericanos e lusófonos, en aspectos como o abastecemento, o saneamento, a educación e a igualdade entre homes e mulleres.

En 2007 o Concello de Vigo entrou a formar parte da Executiva do Fondo. Ademais, dentro do labor de supervisión das súas actividades, a concelleira María Méndez realizou unha viaxe a Cabo Verde, onde puido coñecer de primeira man as necesidades da poboación local.

"Agora", dixo a concelleira, "trátase de dar a coñecer os proxectos e os programas" levados a cabo polo Fondo durante a súa década de existencia, co obxectivo de sensibilizar a sociedade viguesa, especialmente a xuventude e a infancia, para que "entren en contacto co que é a cooperación internacional".

Neste sentido, Virginia Romero, da Secretaría Técnica do Fondo, asegurou que o traballo que realiza esta entidade "moitas veces non é visible", polo que o propósito divulgativo da exposición do Verbum se reforzará con CDs multimedia dirixidos aos escolares, que complementarán os 13 paneis informativos de 2,10 metros de alto por 1,24 de ancho.

Este ano, o Concello de Vigo achega ao Fondo Galego de Cooperación un total de 64.000 euros. María Méndez adiantou que o Concello intentará incrementar esta cantidade no seu próximo convenio co Fondo, que, segundo avanzou, será asinado "entre marzo e abril".
Descargar todas as imaxes