Escoitar

Santiago Domínguez salienta que iniciativas como a Aula Gastronómica fomentan a dinamización do mercado do Progreso

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santiago Domínguez, salientou este mércores as iniciativas que se están a desenvolver nos mercados de Vigo e en concreto no mercado do Progreso para fomentar a súa dinamización. Entre as medidas que se están levando a cabo figura a Aula Gastronómica organizada pola Asociación de Comerciantes do Mercado do Progreso, que comezará mañá cunha mostra de cociña libanesa e rematará o día 31 con cociña chinesa.

mércores, 9 xan 2008
1199880317libanosanti090108.jpg
"O mercado do Progreso é, xunto aos outros, unha mostra fundamental do carácter emprendedor dos cidadáns e cidadás de Vigo e unha parte fundamental do entramado do seu pequeno comercio, que dende a Concellería de Comercio queremos potenciar", explicou Santiago Domínguez, quen lembrou que nos orzamentos municipais do 2008 figuran 400.000 euros para a posta en marcha de diferentes iniciativas de dinamización dos mercados da cidade.

Na súa intervención, o concelleiro de Comercio salientou, así mesmo, que con estas actividades se pretende acadar que os mercados sexan "espazos de encontro entre os cidadáns e as cidadás", ademais de buscar a formación de colectivos como colexios, amas de casa e profesionais da restauración, entre outros. Así, entre outras actividades, a Asociación de Comerciantes do Mercado do Progreso está a desenvolver unha unidade didáctica sobre a boa alimentación destinada aos nenos e nenas dos colexios de Vigo.

A Aula Gastronómica, situada nun dos postos baleiros do mercado, decorado de xeito que forma unha cociña totalmente equipada, desenvolverase entre as 11.00 e as 13.00 horas. A primeira xornada será mañá xoves, 10 de xaneiro, cunha mostra de cociña libanesa, continuará o día 17 coa cociña italiana, o día 24 coa cociña xaponesa e rematará o día 31 coa cociña chinesa.
1199880317libanosanti090108.jpg
1199880330libanosanti090108b.jpg
Descargar todas as imaxes