Escoitar

Os grupos políticos acordan un maior apoio ás vítimas da violencia de xénero

Lograr unha maior implicación social e un maior apoio institucional e económico ás vítimas da violencia de xénero é un dos obxectivos dunha moción presentada este luns no Pleno polo PP que recibiu o apoio unánime dos tres grupos políticos municipais.

luns, 26 nov 2007
1196089169plenopp261107.jpg
A proposta, presentada pola concelleira Lucía Molares, insta o Goberno local a pór en marcha de contado os tres pisos de acollida para mulleres asignados ao Concello de Vigo na Comisión de Vivenda na pasada primavera. Estes pisos, denominados "pisos saída", están destinados a vítimas de malos tratos e aos seus fillos e fillas.

Ademais, o Goberno municipal deberá proseguir a campaña "Na violencia de xénero non hai tregua", iniciada no mandato anterior. Para iso, terá que darlles continuidade a accións xa deseñadas, como a instalación dun marcador dixital para contabilizar o número de mulleres mortas por esta causa, e desenvolver novas actividades co obxectivo de conseguir unha maior sensibilización social.

Ruídos

Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción presentada polo concelleiro do PP Javier González Sagarra, coa que propuxo a presentación, para a súa aprobación definitiva por parte do Pleno, da Modificación da Ordenanza de Ruídos e da declaración como Zonas Acusticamente Saturadas (ZAS) de 31 rúas de Vigo na súa totalidade e doutras tres de maneira parcial. Tanto a Modificación da Ordenanza de Ruídos como a declaración de Zonas Acusticamente Saturadas foron aprobadas inicialmente polo Pleno do pasado 5 de marzo.

Polo mesmo acordo, os grupos político municipais deron o seu visto bo á convocatoria inmediata da Comisión de Ruídos, co obxectivo de pór en marcha "as medidas adoptadas seguindo a liña de traballo dos últimos anos".
Descargar todas as imaxes