Escoitar

Declaración do Concello sobre os estudios de Telecomunicacións en Galicia

luns, 30 xul 2001
imx496.jpg
Edificio do campus universitario
O Pleno da Corporación Municipal aprobou hoxe por unanimidade unha declaración institucional sobre os estudios de telecomunicacións. O Pleno insta ás autoridades académicas a que desboten calquera proposta de empregar recursos en duplicar en Galicia os estudios de enxeñería de telecomunicacións, creando unha innecesaria e negativa competencia entre centros.



DECLARACIÓN DO CONCELLO:

Dende 1985 Galicia conta cunha Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións radicada no campus da Universidade de Vigo. Nestes dezaseis anos de vida, este centro foi labrándose prestixio gracias á súa participación en proxectos de investigación europeos, á súa producción científico-técnica e á súa capacidade de colaboración con empresas e institucións tanto en Galicia como doutros puntos do estado. Pero, quizais o mellor aval da Escola de Vigo é a excelente cualificación profesional dos seus titulados, que hoxe en día se reparten por Europa desempeñando importantes tarefas dentro do sector das telecomunicacións.

Conseguir chegar a este punto, que Galicia conte cun centro cunha calidade contrastada, que prepare magnifícos enxeñeiros de telecomunicacións, é froito dunha aposta decidida de Vigo por estes estudios. A Universidade de Vigo realizou un gran esforzo para facer da Escola Superior de Telecomunicacións un centro de referencia en España e unha das bandeiras da universidade galega. O investimento material e informativo empregado durante case dúas décadas está a producir agora os seus mellores froitos. Non é, polo tanto, o momento de retarlle eficiencia e potencial á Escola de Telecomunicacións de Vigo duplicando innecesaria mente estes estudios. Compre, pola contra, aproveitar a súa estructura para ampliar as especialidades que imparte adaptándose dese xeito ás novas necesidades do mercado.

A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións é un dos símbolos da Universidade de Vigo e, por conseguinte, de toda a cidade. E por iso que a corporación municipal acorda:

- Instar ás autoridades académicas a que desboten calquera proposta de empregar recursos e duplicar en Galicia os estudios de enxeñería de telecomunicacións, creando unha innecesaria e negativa competencia entre centros.
- Apoiar a petición de completar a oferta académica da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo coa implantación das especialidades precisas para formar enxeñeiros técnicos nas tecnoloxías das comunicacións.
Descargar todas as imaxes