Escoitar

Iolanda Veloso salienta o papel de Alecrín no asesoramento sexual da xuventude

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, subliñou este venres o papel que xoga Alecrín no asesoramento á xuventude no tocante á información sobre relacións sexuais durante a visita que realizou a unidade móbil que esta asociación ten instalada na praia do Vao ao longo do mes de agosto.

venres, 3 ago 2007
Durante o encontro, Iolanda Veloso salientou a importancia de desenvolver iniciativas como esta, que teñen como obxectivo achegar información aos rapaces e ás rapazas sobre as relacións sexuais, así como atender as súas necesidades e demandas en relación coa súa saúde afectiva e sexual, ofrecendo atención e asesoramento.

Alecrín ofrece, dende o ano 2000, un servizo de información sexual dirixido específicamente á xuventude, e dende o 2001 ofrece o seu asesoramento durante as tardes de agosto na praia do Vao. Polas mañás seguen a ofrecer o seu servizo nas propias instalacións do centro.

Ao longo destes anos, e só no mes de agosto, foron atendidas un total de 4.275 persoas: 680 en 2001, 693 en 2002, 724 en 2003, 550 en 2004, 918 en 2005 e 710 en 2006. Segundo Alecrín, os rapaces aproxímanse á unidade móbil en demanda de preservativos, mentres que as rapazas teñen intereses relacionados sobre todo coa problemática afectiva, a prevención de embarazos e de enfermidades de transmisión sexual.