Escoitar

Autorizados 286.000 euros adicionais para a humanización de Alfonso X o Sabio

A Xunta de Goberno Local modificou hoxe luns o contrato para a humanización da rúa Alfonso X o Sabio, autorizando un gasto de 286.000 euros para a contratación das obras adicionais.

luns, 16 abr 2007
1176727464xunta160407.jpg
A Xunta de Goberno adxudicara a Movexvial en outubro de 2005 a execución destas obras de humanización, segundo o proxecto orixinal redactado por PETTRA. Agora este proxecto queda modificado dada a conveniencia dun novo tratamento na distribución de espazos na rúa, tanto para os peóns como para o tráfico rodado. Outra das necesidades ás que a modificación do proxecto pretende responder é a de uniformar esteticamente a rúa con outras actuacións da zona, así como a de adaptar os contedores soterrados ao sistema de recollida do Servizo de Limpeza Municipal.

A modificación do proxecto, redactada tamén por PETTRA, conta cun novo orzamento base de licitación de 373.000 euros, o que supón un orzamento adicional líquido sobre o proxecto primitivo de 286.000 euros. A referida modificación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local na súa sesión do 29 de xaneiro pasado.

Por outra parte, a Xunta de Goberno adxudicou hoxe luns a QDQ a edición dunha Guía Cidadá de Servizos Municipais, por un importe de 21.500 euros.

Ademais, foron aprobadas a convocatoria e as bases dos incentivos municipais ás accións e/ou programas para fomentar a igualdade de oportunidades e a eliminación de elementos de discriminación sexista nos centros educativos públicos e privados concertados de Vigo.

Entre as medidas que os centros deberán levar a cabo para optar aos 1.000 euros con que se premiará ao gañador están a análise desde a perspectiva de xénero dos materiais didácticos, o establecemento de normas que regulamenten o uso compartido dos espazos comúns e dos recursos e medios técnicos existentes, a eliminación de linguaxe sexista dos rótulos, listaxes e documentación do centro e o uso dun uniforme unisex.

Por último, o Goberno local decidiu declarar desertos os procedementos de negociado para a subministración e para o mantemento, conservación e xestión dun sistema de bicicletas para o transporte urbano de cidadáns.
Descargar todas as imaxes