Escoitar

A Vig-Bay chega á súa oitava edición con 2.300 corredores inscritos

A media maratón Vig-Bay chega á súa oitava edición este domingo coa participación de 2.300 corredores. Esta cifra constata a importancia crecente desta proba, xa que o primeiro ano en que se celebrou foron 500 os atletas que tomaron parte nela.

venres, 13 abr 2007
1176456651vigbay.jpg
Os participantes comezarán a correr os 21.097 metros que separan Samil do centro de Baiona o domingo ás 11.00 horas. Entre os 2.300 corredores, cifra que supón un 20% máis que na edición anterior, haberá 117 atletas portugueses. Espérase que sexan os corredores desta nacionalidade os que compitan pola vitoria cos galegos que, como o vigués Elías Domínguez, esperan ter este ano a súa oportunidade dado que, a diferencia de edicións anteriores, nesta non se inscribiron atletas africanos.

Se ben as cifras totais de participantes se teñen incrementado desde hai oito anos, o número de corredoras permanece estancado e nesta edición só sairán de Samil 115 mulleres.

A organización da Vig-Bay conta coa colaboración dunhas 500 persoas, entre elas voluntarios das policías locais de Vigo, Nigrán e Baiona e da Garda Civil de Tráfico. Durante a proba repartiranse 22.000 botellíns de auga e 1.000 kilos de froita.

Xornadas técnicas

Outro ano máis, o día antes da proba (mañá sábado), celebraranse as Xornadas Técnicas VIII Vig-Bay, que nesta ocasión consistirán nunha mesa redonda sobre os adestramentos, planificación e nutrición dos atletas. Os asistentes poderán formular preguntas libremente a calquera dos ponentes.

Este ano, as persoas que debaterán cos atletas son: Elías Domínguez (atleta de elite e profesor de educación física), Víctor Riobó (atleta marinense de medio fondo, especialista en 1.500), Carlos Landín (adestrador de Elías Domínguez, Víctor Riobó e Mª Jesús Gestido) e Elías Festa (médico especialista en medicina deportiva).

Exposición fotográfica

Ademais, na planta baixa do Museo Verbum pode visitarse estes días unha exposición con máis de 30 fotografías de edicións anteriores da Vig-Bay.
Descargar todas as imaxes