Escoitar

A avenida do Aeroporto e o Primeiro Cinto contarán con novas melloras

O contrato das obras de mellora da avenida do Aeroporto e do Primeiro Cinto será modificado coa inclusión de novas actuacións nestas estradas, segundo acordou a Xunta de Goberno Local hoxe luns.

luns, 9 abr 2007
En concreto, o Goberno local autorizou o inicio dun expediente para que se poidan acometer melloras na rede de iluminación, así como na sinalización e balizamento, co fin de adaptar estas dúas vías á normativa que as rexe. Tamén se realizarán incrementos da pavimentación, para mellorar a regularidade e a capacidade das estradas, e modificacións xeométricas en interseccións e glorietas.

As obras de mellora da avenida do Aeroporto e do Primeiro Cinto enmárcanse nun convenio entre o Ministerio de Fomento e o Concello para a mellora da Rede de Estradas do Estado no termo municipal de Vigo, por medio do cal o Ministerio tamén transfire estas estradas.

Os tramos obxecto da transferencia son a avenida do Aeroporto (N-556), desde o entronque coa rúa Aragón ata o entronque coa estrada de Redondela, e o Primeiro Cinto, que se divide en dous subtramos: un que abrangue a avenida Arquitecto Palacios e outro que vai do rotador elevado de Zona Franca (avenida Citroën) ao rotador de Navia (avenida Ricardo Mella).

Na avenida do Aeroporto, o obxecto das obras é reducir a velocidade de circulación, permitir a reserva de carrís específicos para o xiro á esquerda, mellorar a humanización das inteserccións e potenciar a sinalización para mellorar a seguridade vial.

A actuación no Primeiro Cinto céntrase principalmente en mellorar a seguridade vial de peóns e tráfico rodado e solucionar os problemas de mantemento.