Escoitar

O Goberno local presenta un plan de humanización para boa parte do ensanche

A alcaldesa, Corina Porro, presentou hoxe martes un plan integral de humanización para a zona do ensanche comprendida entre Gran Vía, a praza da Independencia e a praza de España, que contempla a execución das obras en dúas fases, cun importe total de 9.765.000 euros.

martes, 9 xan 2007
1168355785humaniza090107.jpg
Trátase, segundo afirmou Porro, de conseguir "unha cidade máis agradable para vivir", a través da revitalización social dos espazos públicos da zona mencionada. Ademais, o plan ten por obxectivo a ordenación da circulación rodada, estruturando e xerarquizando a funcionalidade do viario público e priorizando o tráfico peonil.

Para iso, contémplase a reorganización da sección vertical das rúas, gañando espazos nas marxes para ampliar as bandas peonís, así como áreas estanciais para os cidadáns. Así mesmo, modernizarase a pavimentación e o mobiliario e servizos urbanos.

Con estas actuacións preténdese recuperar o uso libre do espazo público e integralo dentro das rutas de mobilidade peonil preferente, facilitando a conexión das zonas para peóns dos centros nodais da cidade.

Segundo o plan do Goberno municipal, as obras de reordenación do tráfico e humanización desta zona do ensanche executaríanse en dúas fases. A primeira, cun importe de 4.259.000 euros, afectarías as áreas de Regueiro, Barcelona, Zamora, Zaragoza, Salamanca, Tarragona e Sevilla. A segunda, que suporía un investimento de 5.507.000 euros, consta de actuacións na avenida da Hispanidade, Barcelona, Zamora, Zaragoza, Valencia, Illas Baleares, Illas Canarias, Faustino Álvarez, Ramón Valle Inclán, Ramón y Cajal e Conde de Gondomar.
Descargar todas as imaxes