Escoitar

Ábrese o prazo para inscribirse no concurso Vente cos Reis Magos 2007

Xa está aberto o prazo para inscribirse no concurso Vente cos Reis Magos 2007, que permitirá a 36 nenos e nenas acompañar os Reis Magos durante a Cabalgata 2007. O prazo rematará o día 21 de decembro ás 20.00 horas.

luns, 11 dec 2006
Para poder estar na Cabalgata, os nenos interesados deben recoller un boletín de inscrición na Oficina de Información da lonxa da Casa do Concello, completar os datos que nel se piden e depositalo nun buzón colocado na mesma lonxa.

Os 36 nenos que irán cos Reis Magos na Cabalgata 2007 serán escollidos nun sorteo público o día 22 de decembro, ás 12.00 horas, no Concello de Vigo.

Neste concurso poden participar todos os nenos e nenas da cidade que o desexen. Só hai unha limitación por motivos de seguridade: poderán participar os nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 1994 e o 31 de decembro de 1998, ambos inclusive. Ademais, os nenos e nenas seleccionados en edicións anteriores non poderán tomar parte neste concurso.

Os pais e titores dos nenos agraciados no sorteo deberán, trala comunicación da Concellaría de Festas e Animación Sociocultural, asinar a pertinente autorización e acreditar a data de nacemento do neno/a. Os agraciados no concurso recibirán un disfraz que deberán devolver unha vez rematada a Cabalgata.