Escoitar

O Concello cede un edificio da rúa O Porto para sede da Deputación

A Xunta de Goberno Local acordou hoxe luns cederlle a título gratuíto á Deputación de Pontevedra o edificio situado na rúa O Porto, 3. A que será nova sede da Deputación desempeñará, a partir de principios de 2007, funcións de atención ao cidadán e de promoción do turismo e da cultura, principalmente.

luns, 11 dec 2006
A cesión faise por un prazo de 10 anos prorrogable por períodos sucesivos de cinco ata un máximo de tres prórrogas. A Deputación deberá utilizar o edificio como sede, con exclusión expresa de calquera outro uso, e non poderá transmitilo a terceiros.

Ademais, o organismo provincial terá que facer fronte aos gastos de mantemento e conservación do inmoble, así como aos dos servizos do seu uso exclusivo, como son os de subministración de auga, electricidade, teléfono, e ao aboamento das taxas e tributos que graven o edificio ou recaian nel. Así mesmo, correrán a cargo da Deputación as obras de adaptación, reparación e mellora que se executen no inmoble. O Concello poderá inspeccionar o edificio en calquera momento para comprobar o cumprimento dos termos da cesión.