Escoitar

Os perruqueiros galegos intentarán bater o récord Guinness de corte de pelo

"Non nos imos cortar un pelo". Con este ánimo se preparan os membros da Federación de Empresarios de Perruquería e Estética de Galicia (FEPEGA) para bater o récord Guinness de corte de pelo este domingo no paseo do porto deportivo de Vigo. O obxectivo: superar a marca de Tarragona, onde hai dous anos se reuniron 392 profesionais.

venres, 22 set 2006
1158927940guinness220906.jpg
A tentativa terá lugar fronte ao Club Náutico a partir das 17:30 do 24 de setembro, día de San Cosme e de San Damián, que é cando se celebra a festa dos perruqueiros e esteticistas. FEPEGA espera reunir un mínimo de 393 perruqueiros procedentes das catro provincias galegas para que realicen cortes de pelo ao mesmo tempo.

A duración da proba está fixada en torno a unha hora e media. Os participantes só necesitarán tesoiras, peites e un voluntario para realizar o que en realidade será un simulacro de corte de pelo. A proba poderá ser presenciada polo público en xeral. Deste xeito, FEPEGA intenta tamén que os cidadáns da área de Vigo sexan partícipes do récord.

Máis alá da consecución do récord Guinness, a Federación organizou este acto coa intención de que se convirta nun motivo de encontro e confraternidade para todos os traballadores e traballadoras do sector. A iniciativa desenvólvese baixo o lema "Porque imos facer unha festa que vai bater un récord" e inclúese no programa que se levará a cabo co gallo da festividade de San Cosme e San Damián.

FEPEGA fai fincapé en que esta actividade está aberta a todos os profesionais da nosa comunidade, non só aos asociados, de forma que, cando menos o 24 de setembro, "non nos vexamos como competencia senón como compañeiros", segundo afirma o presidente da Federación, Antonio Peiteado Iglesias.

Programa

A xornada, que nesta ocasión terá Vigo como sede, iniciarase cunha saída en barco en dirección a Cangas, onde está previsto que ás 11:30 a comitiva sexa recibida polo alcalde da poboación e acompañada por un grupo folclórico ata a concatedral, onde será oficiada unha misa solemne.

Ao termo da misa desenvolverase outra actuación dun grupo folclórico e unha tirada de fogos de artificio. Sobre as 13:00 horas os asistentes embarcarán para emprenderen un ruta turística pola ría de Vigo para a que se anuncian sorpresas.

O sector en Galicia

Estímase que o sector da perruquería e da estética conta actualmente en Galicia cuns 3.500 establecementos. Unha ampla maioría deles están nas cidades da Coruña e Vigo. Concretamente, nesta última localízanse por volta de 750 salóns.

Para o presidente de FEPEGA, Antonio Peiteado Iglesias, existe unha oferta excesiva, que cifra en torno ao 30%. Esta circunstancia resulta en dificultades económicas para unha boa parte dos arredor de 20.000 profesionais deste sector en Galicia, cuxo alto nivel de capacitación é "indiscutible", segundo se sinala desde a propia Federación.

Ademais, na actualidade desde FEPEGA constátase unha certa recesión económica, e aínda que o número de clientes non se ten visto afectado, si se ten reducido de forma considerable o número de visitas aos establecementos, algo que repercute de forma negativa na redibilidade dos salóns.
Descargar todas as imaxes