Escoitar

Lucía Molares augura un auxe do pequeno comercio vigués

A concelleira Lucía Molares afirmou hoxe xoves que a situación dos pequenos comercios de Vigo "non se vai deteriorar" pola competencia das grandes áreas, xa que cumpren funcións distintas ás destas.

xoves, 21 set 2006
1158846296comercio210906.jpg
Lucía Molares realizou estas declaracións hoxe venres durante unha rolda de prensa na que mostrou o seu apoio ao pequeno comercio vigués. Ao acto asistiron José María Seijas, presidente da Rede Galega de Centros Comerciais Abertos, e representantes das zonas comerciais do Centro e do Casco Vello.

Lucía Molares lembrou que o Concello "está realizando un grande esforzo" para mellorar as rúas comerciais do Centro, a través de obras que as fan máis atractivas para os cidadáns, así como para recuperar o Casco Vello, algo que se conseguirá, dixo, "a medio prazo", grazas ás accións conxuntas emprendidas polas administracións local e autonómica.

A concelleira afirmou que estas dúas áreas son "moi dinámicas", como demostra o labor realizado polos comercios asociados nos seus respectivos centros comerciais abertos, que reúnen un total de máis de 300 establecementos.

Tanto o Centro Comercial Aberto de Vigo Vello como o de Zona Centro forman parte da Rede de Centros Comerciais Abertos de Galicia. Os 27 centros asociados nesta rede promovida pola Federación Galega de Comercio buscan, segundo explicou José María Seijas, solucións conxuntas a problemas comúns, por medio dunha política de potenciación dos seus recursos humanos e técnicos e mellora da súa xestión.

Para Lucía Molares, os resultados alcanzados pola Rede no último ano, visibles en Vigo a través dos seus dous centros asociados, permiten augurar un auxe do pequeno comercio na cidade olívica. A concelleira lembrou, ademais, que a competencia das grandes áreas comerciais non afecta á función tradicional do pequeno comercio, consistente na prestación dun servizo máis próximo e personalizado.
Descargar todas as imaxes