Escoitar

A Concellería de Deportes presenta a Gala do Deporte de Vigo

martes, 12 feb 2002
A Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca, que se celebrará o 15 de marzo no Centro Cultural Caixanova, ten como obxectivo premiar o labor dos mellores deportistas da tempada pasada. O concelleiro Santiago Domínguez presentará esta edición o mércores, 13 de febreiro, ás 18:00 no 11º andar do Concello.

Para ser nomeados a un dos premios desta gala, os deportistas deberán pertencer a algunha entidade de Vigo e a súa comarca inscrita na correspondente Federación Deportiva Galega.

Os nomeamentos por cada modalidade serán realizados por cada unha das Federacións Deportivas Galegas rexistradas na Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Os nomeamentos deberán presentarse nas oficinas da Concellería de Deportes. Deberán destacarse os éxitos deportivos conseguidos polo nomeado durante o ano 2001 e os datos solicitados.

Ademais dos premios por modalidade deportiva e o de mellor deportista do ano, o xurado da Gala do Deporte entregará mencións especiais a aquelas entidades deportivas e comerciais destacadas polos seus éxitos deportivos a nivel nacional ou pola súa colaboración no apoio e patrocinio do deporte de Vigo e a súa comarca.

O prazo para a presentación dos nomeados finalizará ás 14:00 horas do 1 de marzo.