Escoitar

O Concello destinará 66.000 euros a actividades sociais, asistenciais e de protección de minorías

martes, 12 feb 2002
A Comisión de Goberno aprobou destinar 66.000 euros para a subvención de actividades de asociacións de interese social, asistencial e protección de minorías. Ademais, aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións a asociacións de persoas maiores para o ano 2002 cun orzamento de 18.000 euros.

Poderán presentarse todas aquelas asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións en calquera dos apartados de interese social sempre que a solicitude do programa a desenvolver se realice na cidade de Vigo. Para as asociacións de interese social establécense dúas convocatorias, que serán do 1 ó 15 de abril e do 1 ó 15 de outubro. As solicitudes deberán presentarse a través do Rexistro Xeral.

No exercicio pasado, 93 organizacións solicitaron subvencións para asociacións de carácter social e concedéronselle a 90 delas cantidades entre 100.000 e 800.000 pesetas.

A convocatoria específica de subvencións destinadas a asociacións de persoas maiores será do 1 ó 15 de marzo. Para concorrer é un requisito imprescindible que as asociacións estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións dentro do apartado de Pensionistas, maiores e terceira idade.

Estas subvencións terán como obxectivos a potenciación do tecido social de maiores e a realización de programas e actividades socioculturais, recreativas e sociais que melloren a calidade de vida dos destinatarios.