Escoitar

A Deputación investirá 1,5 millóns na mellora de varias rúas de Vigo

A Deputación de Pontevedra investirá 1,5 millóns de euros en obras de mellora nas rúas República Arxentina, Rogelio Abalde, Gravina, Churruca e na praza da Independencia, segundo o convenio de colaboración asinado hoxe martes no Concello pola alcaldesa, Corina Porro, e o presidente do organismo provincial, Rafael Louzán.

martes, 8 ago 2006
1155040496deputacion080806.jpg
A actuación máis custosa das incluídas neste convenio é a das obras de repavimentación das rúas Gravina e Churruca, nas que a Deputación vai investir 507.000 euros. Ademais, a Deputación realizará as obras de humanización da rúa República Arxentina, entre Urzaiz e García Barbón, cun orzamento de 489.000 euros. Na humanización da rúa Rogelio Abalde investiranse 324.000 euros, e na mellora da pavimentación da praza da Independencia, cerca de 182.000 euros.

O financiamento, a execución e a contratación destas obras correrá a cargo da Deputación. O Concello, pola súa parte, comprométese a ceder os terreos e manter as áreas obxecto das actuacións unha vez as obras de mellora estean rematadas e se faga entrega delas. O convenio terá vixencia ata o final de 2008.

Para o seguimento do convenio crearase unha comisión de coordinación da que formarán parte un técnico de cada institución, o presidente da Deputación e a alcaldesa de Vigo ou as persoas en que estes deleguen.

Corina Porro encadrou este convenio na política de "recuperación de espazos" do seu goberno, que, segundo afirmou, está a levar a cabo unha "gran transformación" da cidade e das parroquias de Vigo, cun investimento superior aos 40 millóns de euros en dous anos. A alcaldesa citou as rúas perpendiculares a Urzaiz e o barrio de Coia como obxectivos de próximas obras de humanización e recuperación. Neste sentido, Rafael Louzán sinalou que a Deputación está "dándolle a Vigo o que merece" como primeira cidade da provincia e de Galicia.

Desde a chegada de Louzán á presidencia da Deputación, os concellos de Vigo e Pontevedra asinan cada ano un convenio de colaboración específico co organismo provincial. Isto débese a que estes dous concellos non participan, por imperativo legal, no Plan de Acción Municipal da Deputación, xa que teñen máis de 50.000 habitantes.

En 2005, mediante un convenio similar ao asinado hoxe martes, a Deputación financiou en Vigo os traballos de mellora das rúas Alfonso XIII, Velázquez Moreno, Tui e Manuel Castro, entre outras.
Descargar todas as imaxes