Escoitar

A Escola Municipal de Teatro ofrece catro obradoiros monográficos en xullo

A Escola Municipal de Teatro ofrece en xullo os seus "Obradorios monográficos de verán 2006" para todas as persoas maiores de 18 anos interesadas en iniciarse ou mellorar as súas destrezas nesta arte. Os obradoiros, de 20 horas cada un, son catro e teñen os seguintes contidos: o xesto e as accións físicas na escena, o teatro lorquiano, a iniciación na interpretación e o teatro cómico.

martes, 6 xuñ 2006
1149593565escolateatro.jpg
Do 3 ao 7 de xullo impartirase na Escola Municipal de Teatro (Monte da Mina, 16, Castrelos) o obradoiro "A importancia do xesto e as accións físicas na escena", dedicado á economía de recursos escénicos e á súa aplicación na construción dun personaxe sobre un texto ou situación concreta, desenvolvendo para iso a capacidade de autoobservarse e de observar os demais.

Este primeiro obradoiro divídese en tres partes. A primeira céntrase na capacidade expresiva do corpo; a segunda trata a diferenza entre a idea que se quere expresar e a imaxe que recibe o público, como clave da improvisación, e a última, baseándose nas dúas anteriores, estuda a construción dun personaxe nunha situación concreta.

As ensinanzas deste obradoiro correrán a cargo do profesor Leonel García Laborde, licenciado en Dirección Escénica pola Universidade Estatal de Moscova e director teatral e profesor da Escola Municipal de Teatro de Vigo.

Os participantes deberán asistir con roupa cómoda e de cor escura, de ser posible negra, e traer preparado un personaxe teatral cunha escena non moi longa. As 20 horas de duración do obradoiro repartiranse en sesións de catro diarias, en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Interpretación teatral

O "Obradorio de Interpretación Teatral", que se desenvolverá do 3 ao 7 de xullo, está pensado para todas aquelas persoas maiores de 18 anos que queiran iniciarse na aprendizaxe desta arte. En horario de 10:00 a 14:00 horas, Eva Vila, actriz licenciada en Arte Dramática pola Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid (RESAD), ofreceralles aos participantes os elementos básicos do traballo teatral.

Así, entre as tarefas deste obradoiro están a iniciación no traballo corporal e vocal dos alumnos como actores, a análise e comprensión básica dun texto teatral para a súa posta en escena, e a aprendizaxe da creación de personaxes, física e emocionalmente.

Teatro lorquiano

Como medio de achegamento á obra de Federico García Lorca, terá lugar o "Obradoiro de teatro lorquiano", en cinco sesións de catro horas, das 10:00 ás 14:00, do 10 ao 14 de xullo. O obxectivo deste obradoiro é ofrecer aos seus alumnos coñecementos básicos sobre a linguaxe e a expresión lorquianas. Ademais, os participantes poderán familiarizarse cos elementos e figuras do contexto andaluz vencellado a Lorca e comprender a sensibilidade arredor do feminino que define o teatro deste autor.

Durante este obradoiro, os alumnos traballarán con escenas concretas de "La casa de Bernarda Alba", "Yerma" e "Bodas de sangre", memorizadas de antemán. Ademais, aprenderán a configurar personaxes lorquianos no contexto social en que se desenvolven e a través dos seus conflictos internos e externos.

Este obradoiro será impartido por Isabel Lozano Unzueta, actriz de teatro, cine e televisión, e Ángel Velasco, actor, director teatral e profesor de dirección escénica e teatro clásico na RESAD.

Teatro cómico

O traballo práctico sobre escenas de comedias nas que se inclúen todo tipo de situacións centrará o "Obradorio de teatro cómico", que terá lugar do 10 ao 14 de xullo. Ángel Velasco, director e pedagogo teatral, tratará de que o alumnado tome conciencia dos mecanismos que interveñen nos procesos e situacións que provocan o fenómeno do riso. Ademais, os participantes poderán aprender as técnicas empregadas nos textos e postas en escena das comedias, co obxectivo de saber interpretar, adaptar e pór en escena textos cómicos.

Durante o obradoiro analizaranse os mecanismos básicos do riso, como a burla, o absurdo, o incomprendido e o confuso. Tamén se prestará atención aos principios básicos e factores fundamentais do gag, así como aos personaxes, o desenlace e a finalidade do teatro cómico.

Inscrición

A inscrición nestes obradoiros pode solicitarse do 12 ao 23 de xuño, polas mañás no Departamento de Educación do Concello e de 17:30 a 19:30 horas na Escola Municipal de Teatro. As listas de admitidos poderán ser consultadas o 26 e o 27 de xuño e a matrícula, que é de 40 euros para cada obradoiro, poderá formalizarse os días 28, 29 e 30 de xuño.

Máis información no teléfono do Departamendo de Educación do Concello (986 81 01 81, en horario de 8:00 a 15:00 horas), no da Escola Municipal de Teatro (986 48 53 24, de 17:00 a 18:30) e en www.vigo.org.
Descargar todas as imaxes