Escoitar

Marta Iglesias avoga pola implicación dos servizos sociais na integración escolar dos nenos inmigrantes

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, avogou hoxe mércores, durante unha xornada sobre inmigración e escola, pola implicación dos servizos sociais cos centros educativos para favorecer a integración dos nenos e nenas inmigrantes.

mércores, 5 abr 2006
1144242549inmigra050406.jpg
Imaxe da xornada sobre inmigración e escola
Marta Iglesias afirmou que "non se pode deixar todo o peso da integración na escola". Segundo a concelleira, as administracións "deben traballar con programas específicos" para facer fronte á chegada de inmigrantes e evitar situacións conflictivas como as que xa se teñen dado nalgúns países europeos.

Así, Marta Iglesias lembrou que desde o Concello "estamos a desenvolver un programa de integración destes colectivos", que inclúe os servizos de atención e asistencia da Oficina Municipal de Información a Inmigrantes e Emigrantes Retornados, iniciativas de formación ocupacional para inmigrantes, unha oferta educativa específica centrada en aspectos como a integración idiomática dos nenos e a formación profesional, a posibilidade da reagrupación familiar e xornadas de sensibilización dirixidas ao público en xeral. Nesta liña de actuación, o Concello de Vigo colabora coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia a través dun convenio por valor de 78.000 euros.

Conclusións da xornada

Ao longo da xornada sobre inmigración e escola celebrada hoxe mércores no Instituto Municipal de Educación, representantes de colexios, asociacións de inmigrantes e orientadores sociais trataron desde os seus respectivos puntos de vista sobre os retos creados pola chegada de cada vez máis nenos e nenos inmigrantes aos centros de Educación Infantil e Primaria de Vigo.

A principal conclusión á que chegaron é que a chegada de nenos e nenas estranxeiros aos centros escolares de Vigo faise moi repentina debido ás diferencias entre os sistemas educativos e culturas dos países de orixe e o de acollida. Así, tense constatado o "desfase curricular" de moitos destes nenos e a existencia dunha barreira idiomática que dificulta o bo rendemento dos escolares africanos e chineses, e da que tampouco se libran, aínda que con bastantes menos problemas, os iberoamericanos. Outros factores que inciden no rendemento dos nenos e nenas inmigrantes poden ser os problemas derivados dunha reagrupación familiar despois dun periodo de separación excesivo, a falta de información dos seus pais sobre os servizos sociais e o sistema educativo locais, e a morriña.

Segundo os participantes na xornada sobre inmigración e escola, os profesores e alumnos nativos están en xeral bastante concienciados sobre a problemática da inmigración, circunstancia que se debe aproveitar para que o "entusiasmo inicial" do neno inmigrante perdure no tempo e contribúa a un enriquecemento mutuo. Para iso, ademais, será necesario formar os inmigrantes adultos e os profesores de tal xeito que poidan axudar aos seus fillos e aos seus alumnos, respectivamente.
Descargar todas as imaxes