Escoitar

O Concello continuará insistindo para que Vigo teña biblioteca pública do Estado

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, afirmou hoxe xoves que "continuaremos insistindo" para que o noso municipio conte cunha biblioteca pública do Estado. Onte mércores a ministra Carmen Calvo desbotou esta posibilidade durante a súa visita a Vigo.

xoves, 12 xan 2006
Carmen Calvo asegurou onte mércores que a rede estatal de bibliotecas públicas "só contempla as capitais de provincia e dúas capitais autonómicas, que son Mérida e Santiago". Sobre a posibilidade de dotar a Vigo cunha biblioteca destas características, a ministra advertiu que "non vou sentar un precedente que quererían outras cidades", aínda que se mostrou disposta a buscar "algunha fórmula que nos permita botar unha man".

Ignacio López-Chaves, responsable da Concellaría de Cultura de Vigo, respondeu hoxe xoves que outras localidades que non son capitais de provincia, como Xixón (Asturias), Orihuela (Alacante) e Maó (Illas Baleares), xa teñen bibliotecas de titularidade estatal. López-Chaves lembrou que Vigo, "pola súa poboación, pola súa universidade e pola súa industria editorial", merece contar cunha biblioteca pública do Estado.