Escoitar

Os grupos políticos buscarán un acordo sobre as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade

Os grupos políticos tentarán acordar unha postura común sobre as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade, de cara á reunión do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo do próximo xoves 19 de xaneiro.

xoves, 12 xan 2006
1137071979xeren120106.jpg
Reunión do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo
PP, PSdeG-PSOE, BNG e PG adoptaron esta decisión despois de debatiren no Consello celebrado hoxe xoves unha emenda presentada polo concelleiro socialista Mauricio Ruiz. Esta emenda pretendía que o Concello de Vigo "promova a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade da interposición, demanda e sentenzas en recursos contenciosos interpostos contra plans de ordenación, instrumentos de execución ou de licenza, así como da incoación dos expedientes de disciplina urbanística sobre fincas nas que se presuma cometida a infracción".

Todos os grupos políticos deron o seu visto bo á emenda no que respecta á anotación preventiva das sentenzas firmes e das non firmes dictadas nos mencionados recursos contenciosos. Tamén recibiu un apoio unánime a proposta de tomar inscrición, anotación preventiva de embargo ou anotación marxinal dos acordos de incoación e resolución dos expedientes de disciplina urbanística tramitados polo Concello. Esta proposta afecta aos terreos en que se presuma cometida unha infracción ou incumprida a obriga de que se trate en cada caso.

Non houbo acordo, porén, no punto 3º da emenda, que propuña ao Consello da Xerencia "solicitar aos órganos xudiciais competentes a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade da interposición e demanda en recursos contenciosos interpostos contra plans de ordenación, instrumentos de execución ou de licenza".

Por iso, os grupos políticos decidiron retirar da orde do día a emenda presentada polo PSdeG-PSOE e chegar a un acordo sobre a redacción do punto 3º antes da próxima reunión do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, que se celebrará o xoves 19 de xaneiro.
Descargar todas as imaxes