Escoitar

O proxecto Compás da Mancomunidade de Vigo ubicará nos concellos de Redondela e o Porriño dous “centros antena”

martes, 21 mai 2002
Os concellos de Redondela e O Porriño acollerán os chamados “centros antena” do Proxecto Compás, de acordo coas xuntanzas que cos respectivos alcaldes mantiveron esta mañá o concelleiro delegado da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV) para o proxecto “Compás”, Delfín Fernández Álvarez, e a xerente do mesmo, Ana Isabel Pascual.

Estes dous “centros antena”, situados en lugares estratéxicos no ámbito territorial da MAIV, cumprirán a función de executar o proxecto dunha forma descentralizada, o que beneficiará ós desempregados da zona de influencia. Ademais funcionarán tamén como “centros antena” en Vigo, os diferentes socios do proxecto Compás: os tres sindicatos, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, Caixanova e a MAIV.

Os técnicos locais de emprego destes concellos traballarán dunha forma conxunta cos orientadores do proxecto, contando cunha rede informática de comunicación entre os diferentes “centros antena” que axilizará o intercambio de información sobre os beneficiarios.

En canto a prazos previstos, o proxecto Compás pasará á fase de execución (Acción 2) a mediados do vindeiro mes de xuño, comezando a funcionar os “centros antena” no mes de outubro.

Lembrar que o proxecto “Compás” e é un dos doce concedidos na Comunidade Autónoma Galega e conta coa inversión máis alta, 2.854.807,50 € (475 millóns de pesetas). Cunha duración prevista de trinta meses, persigue a mellora da ocupabilidade dos habitantes de Área Metropolitana que se atopan nunha situación de desigualdade en relación co acceso ó mercado laboral.