Escoitar

Participación Cidadá e Caixanova asinan un convenio para a mellora os servicios de atención e información

luns, 20 mai 2002
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que se melloran os servicios de atención e información ós cidadáns e a descentralización administrativa coa creación de novos Centros de Atención Municipal (CAM), nas parroquias da periferia viguesa.

A Concellería de Participación Cidadá aposta polas novas tecnoloxías da información como medio de achegar a información á cidadanía, potenciando o coñecemento destas novas formas de acceso a información, colaborando coas asociacións cívicas rexistradas no Concello, e a través da creación dunha rede de cibertecas (cun proxecto piloto no centro cívico de Teis de inminente inauguración), e do establecemento de puntos de información municipal nas parroquias.

A finalidade do convenio e continuar coas liñas de actuación estratéxicas fixadas no I Plan Municipal de Participación Cidadá, mediante a promoción da descentralización administrativa e a creación de Centros de Atención Municipal (CAM), na periferia viguesa.

Gracias ó financiamento de Caixanova, crearanse Centros de Atención Municipal nos barrios de Teis, San Roque e Coruxo nos que se darán entre outros os seguintes servicios: recollida de documentos, información tributaria e información de índole xeral.