Escoitar

O Concello dotará ao corpo de bombeiros cunha cámara para detectar persoas en lugares sen visibilidade

luns, 20 mai 2002
A Comisión de Goberno decidiu continuar co proceso de modernización do parque de bombeiros de Vigo coa adquisición de diverso material que facilitará o traballo dos membros do corpo e o fará máis efectivo.

Un dos aparellos que se vai mercar polo procedemento de concurso é unha cámara térmica de infrarroxos, que será de gran utilidade para detectar a presencia de persoas en lugares sen visibilidade. Con esa cámara os bombeiros poderán saber se hai alguén en locais pechados e escuros ou en dependencias onde o fume non permita a visión directa. Tamén se adquirirán 12 equipos de respiración autónomos e unha lancha neumática semirríxida. O investimento total previsto rolda os 69.000 euros.

Convocadas as subvencións para investimentos en centros cívicos

O Goberno municipal aprobou a convocatoria de subvencións para investimentos en centros cívicos de asociacións sen ánimo de lucro. O Concello vai destinar a este fin 150.253 euros que servirán para financiar obras de construcción, reparación ou reforma de locais ou para a adquisición de material. As axudas municipais non poden superar o 50% do investimento previsto. As bases para concorrer a estas subvencións xa poden ser consultadas no departamento de Participación Cidadá.