Escoitar

Intriga e emoción no Castro durante a noite do sábado

xoves, 16 mai 2002
O monte do Castro acollerá este sábado actividades de animación organizadas pola Concellería de Xuventude. O parque dotarase tamén de máis de 40 colectores de lixo e a acción das Brigadas Verdes servirá para que os mozos que utilizan ese lugar para divertirse o fagan co necesario coidado ó medio natural, o menor número de molestias ós cidadáns e sen a necesidade dun elevado consumo de alcohol.

É a resposta da Concellería de Xuventude de Vigo ós mozos que se achegan ó Castro e que se merecen alternativas para demostrar que a xuventude sabe divertirse doutro xeito. A celebración do evento-sorpresa dependerá das condicións climatolóxicas.

O Castro acollerá as esencias de espontaneidade dos rapaces que se acheguen ata alí para comparti-lo seu ocio nocturno, a través dun grupo de teatro de rúa e animación que os convidará a saír da rotina. Os mozos que anden por alí converteranse nos protagonistas dunha actuación de rúa que sacará deles o espírito detectivesco que todos levamos dentro. Será unha noite de sorpresas e suspense.

Dentro da programación preparada, e coma outras noites de sábado, o escenario deste espacio será testemuña dos Castroconcertos. A ocasión será para o grupo de música étnica africana Geñami, que engaiolará ó público, co seu fresco rock.

Tamén se achegarán os mozos das Brigadas Verdes, ese grupo ecoloxista que se preocupa de coida-lo entorno e a cidade para mantela limpa. Persistirán na laboura de concienciación coa que pretenden imbuir ós que se achegan ó Monte. Nesta ocasión realizarán o seu labor «acompañados» por máis de 40 colectores de lixo que se ubicarán por todo o recinto, tal e como recomendaba o informe final que se realizou con ocasión da pasada experiencia das Brigadas Verdes.

E por último, unha razón máis para deixalo todo limpo: na mañá do domingo volverán as sesións de taichí. O método de ximnasia oriental de relaxación está a ter unha participación moi notable desde que empezou a desenvolverse. Cada matinal do domingo reúne a unhas 100 persoas practicando este senlleiro deporte.