Escoitar

"O Marisquiño" reunirá os amigos do Skate en Samil do 26 ao 28 de agosto

A praia de Samil acollerá do 26 ao 28 de agosto o V Open de Skate Cidade de Vigo "O Marisquiño", un evento concibido como reunión de amigos e festa arredor desta especialidade deportiva e doutras actividades pertencentes á mesma cultura xuvenil, como o grafiti e o breakdance.

xoves, 25 ago 2005
1124973460marisquina.JPG
A concelleira de Deportes, Lucía Molares, dixo hoxe xoves durante a presentación do "Marisquiño" que o Skate "é unha das actividades que máis practican os mozos hoxe en día". Lucía Molares referiuse aos paneis habilitados en Samil para a práctica do grafiti considerando positivo "que os mozos poidan gozar desta actividade en espazos habilitados para tal fin".

Ao Open de Skate súmase este ano como nova actividade unha demostración de breakdance. Ademais, haberá unha gran festa na propia praia amenizada con Dj’s vigueses para pór fin a esta reunión de xente de todas as idades unidas pola súa paixón por esta cultura deportiva, coa que se fomenta a vida sa.

"O Marisquiño" botará a andar o venres 26 de agosto cunha escola de Skate para nenos e nenas entre 5 e 12 anos, que se desenvolverá na pista de patinaxe de Samil con catro monitores con máis de dez anos de experiencia. Ao finalizar a xornada, os participantes recibirán un obsequio.

O sábado 27 comezará o Open de Skate. Na fase de clasificación, os skaters competirán en grupos de tres durante tandas de tres minutos. Deste xeito, e despois dunha repesca, quedarán seleccionados os 15 skaters que participarán na final do domingo 28.

Ese día, das 16:00 ás 18:00, os 12 finalistas sairán individualmente en dúas roldas de 1 minuto 20 segundos de duración. Os xuíces puntuarán cada rolda para decidiren a clasificación final. Ás 19:00 entregaranse os premios. Para os participantes de fóra de Galicia establecéronse premios en metálico de 1000 euros para o primeiro, 500 para o segundo e 300 para o terceiro. Os skaters galegos recibirán material por valor de 750 euros, o primeiro, 600, o segundo, e 550, o terceiro.
Descargar todas as imaxes