Escoitar

122 coches sairán o sábado do Ifevi no II Rallye Sur do Condado

Este rallye conta cunha etapa dividida en oito tramos e é puntuable para o Campionato Galego. Entre os coches haberá importantes presencias como o Mitsubishi Lancer Evo VIII ou o Seat Córdoba WRC.

mércores, 4 mai 2005
1115212257rali.jpg
A concelleira Lucía Molares e mailo representante da escudería Surco, organizadora da proba, Fernando Fernández, presentaron hoxe mércores o Rallye Sur do Condado, proba puntuable para o Campionato Galego de Rallyes cun coeficiente de 7 e que celebra este ano a súa segunda edición. A proba terá lugar os días 6, 7 e 8 de maio, sendo o venres as verificacións administrativas no Ifevi e técnicas na pista de karts de Puxeiros. O día 7 sairán os coches dende o propio Ifevi, o primeiro ás oito da mañá e o resto de minuto en minuto ata completar os 122 participantes inscritos. O remate da proba será no propio Ifevi chegando o primeiro participante cara ás 21,50 horas da noite. Posteriormente terá lugar a entrega de premios.

O Rallye Sur do Condado consta de 319,60 quilómetros dos cales 89,52 son cronometrados. A proba ten unha única etapa con 4 seccións e dous tramos por sección. Os tramos se disputan a dobre pasada cada un. As probas cronometradas desenvólvense, ademais de en Vigo, nos Concellos de Ponteareas, Salceda, Arbo e Salvaterra.

A maioría dos 122 pilotos inscritos son da comunidade Galega, aínda que tamén hai participantes de Ponferrada e Portugal. "O campión do Campionato Galego de Rallyes de asfalto o pasado ano, Manuel Senra, estará presente en Vigo co seu Peugeot 306 Maxi e o subcampeón galego Manuel Martínez co seu Mitsubishi Lancer Evo VI, entre outros bos conductores", explicou Fernando Fernández. Ademais poderemos ver o debut dun coche de última xeración no mundial de rallyes, o Mitsubishi Lancer Evo VIII, e a presencia doutros dos coches que correron no mundial de rallyes: o Seat Córdoba WRC de Roberto Blanch e o Renault Clio Maxi de Jorge Pérez.

Fernando Fernández insistiu na necesidade de que o público colabore en todo o posible coa organización, principalmente en cuestións de seguridade, evitando posicións onde os espectadores poidan estar en perigo e facendo sempre caso aos comisarios de ruta.
Descargar todas as imaxes