Escoitar

Normalización Lingüística organiza unha ”Xornada sobre o galego na infancia”

mércores, 12 dec 2001
imx881.jpg
Alexandre Prieto e Carme Corbalán
A Concellería de Normalización Lingüística, en colaboración coas de Educación e Xuventude, organizan unha ”Xornada sobre o galego na infancia” que se desenvolverá o sábado, 15 de decembro no colexio Escultor Acuña. Este acto inclúese no programa ”¿Xogas?, en galego podemos” destinado a dinamizar o uso da lingua galega entre os cativos.

O obxecto do programa ”¿Xogas?, en galego podemos”, organizado xunto coa Asociación de Pais e Nais polo Ensino en Galego, é favorecer ”o encontro de nenos galegofalantes en actividades de lecer e provocar un clima de desenvolvemento de xogos en lingua galega”, explicou a concelleira Carme Martínez-Corbalán.

Estes encontros iniciáronse fóra dos espacios asociados ó ensino -na Biblioteca Central, en centros comerciais e na Lonxa do Concello- pero ”os centros escolares son indubidablemente ámbitos de necesaria análise ó falarmos de nenos e nenas, e especialmente do alumnado infantil galegofalante”, dixo Corbalán.

O representante da Asociación de Pais e Nais polo Ensino en Galego Alexandre Prieto explicou que moitos pais se encontran co problema de procurar unha escola infantil á que levar os cativos na que a lingua vehicular sexa a galega ”pese a que Lei de normalización lingüística recolle que os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna”. Con todo, nos ámbitos urbanos, o ensino en galego a galegofalantes non está garantido e por parte da Xunta de Galicia non hai reposta para evitalo e facer efectivo este dereito.

Esta xornada de encontro, debate e demanda ten como obxectivos informar sobre as estratexias para reforzar e manter a lingua materna sen provocar rexeitamento, sensibilizar a profesionais de educación infantil (centros públicos e privados) sobre a importancia de manter a lingua materna do alumnado, así como de desenvolver actividades positivas cara á lingua coa que se está en contacto. Preténdese tamén a sensibilización da sociedade e administración sobre a situación de indefensión que padece o sector infantil galegofalante desta cidade.

Na xornada presentaranse instrumentos e propostas de traballo e as conclusións presentaránselle nun documento á Xunta de Galicia. Haberá actividades paralelas con grupos de animación para os nenos asistentes.


Programa

11:00 Inauguración da xornada e da exposición do material

11:30 Conferencia por Agustín Fernández Paz. ”Situación actual da lingua galega na infancia. Estratexias e posibilidades”

12:30 Grupos de traballo coordenados por:

-Representante de Pais e Nais polo Ensino en Galego
-Representante da Asociación Provincial de Garderías
-Representante do profesorado de Educación Infantil
-Representante de Asociación de Pais e Nais

14:00 Xantar no comedor do centro

16:00 Conclusións dos grupos de traballo

17:00 Mesa redonda: voceiros dos grupos de traballo e Antón Costa

18:00 Conclusións

18:30 Clausura-merenda

Animación para os cativos

Durante toda a xornada haberá actividades para os cativos. Pola mañá a cargo das animadoras do Concello e pola tarde cos xogos de Cabezolos.

O centro dispón de ximnasio e patio exterior cuberto. O comedor do centro está a disposición dos que queiran levar comida para un xantar común. Ó final haberá unha merenda para meniños e maiores.

Os interesados pódense inscribir chamando ó número 986-810281 do Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo ou a través de correo electrónico

Descargar todas as imaxes