Escoitar

Iníciase o derrubo dun edificio que permitirá mellorar o cruce da Travesía de Vigo coa rúa Cantabria

martes, 11 dec 2001
A Concellería de Infraestructuras principiou hoxe o derrubo dun edificio que permitirá mellorar o cruce da Travesía de Vigo coa rúa Cantabria, trala conclusión da primeira parte da desmontaxe do inmoble.

Despois da súa expropiación hai 26 anos, o Concello tomou posesión da finca designada co número 31 da estrada N-550. Trátase dun vello edificio, no que unicamente existía un bar, situado no cruce da Travesía coa rúa Cantabria invadindo parte da calzada. Este inmoble vai ser derrubado parcialmente para poder completar a beirarrúa da Travesía de Vigo e mellorar a confluencia da Travesía coa rúa Cantabria.

O inmoble en cuestión foi expropiado en 1975 pola entón Xefatura Provincial de Estradas de Pontevedra. O beneficiario daquela expropiación era o Concello de Vigo, que pagou o prezo xusto no ano 1990. Nunca se realizou o desaloxo ante a negativa dos ocupantes a abandonalo, polo que o edificio segue obstaculizando o paso de coches e peóns por aquela zona.

En maio deste ano, o alcalde de Vigo remitiulle senllos oficios á Subdelegación do Goberno de Pontevedra e ao servicio provincial de estradas do Estado requirindo o desaloxo dos ocupantes do inmoble expropiado. Posteriormente, o xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra dictou un auto autorizando o desafiuzamento.