Escoitar

O Concello revoga a licencia do local ”Planta Baixa”

mércores, 5 dec 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou a revogación da licencia do local “Planta Baixa”, situado no número 19 da rúa Lepanto. A actividade neste establecemento queda prohibida ata que obteña unha nova licencia. A Policía local notificará este acordo ao propietario e ten ordes de precintar o local se non acata a decisión.

O “Planta Baixa” xa fora expedientado en dúas ocasións por realizar unha actividade para a que non tiña licencia. O seu permiso amparaba a actividade de bar sen música, pero sen embargo viña funcionando como pub con música que, segundo numerosas inspeccións realizadas pola Policía local, soaba a volume alto durante as noites.

O Concello está a realizar dende hai varios anos unha intensa campaña de inspección de locais nocturnos para comprobar que contan coa licencia axeitada para desenvolver a súa actividade e que ademais cumpren a normativa vixente sobre ruídos. Como resultado desta campaña abríronse máis dun cento de expedientes e pecháronse numerosos establecementos. En dúas ocasións, a reiterada desobediencia dos propietarios motivou a revogación da súa licencia de actividade.