Escoitar

O concelleiro de Urbanismo anuncia a próxima tramitación do proxecto de urbanización de Rosalía de Castro-2

mércores, 5 dec 2001
O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, anunciou a súa intención de propoñerlle a próxima semana ao Consello da Xerencia de Urbanismo a aprobación dos novos estatutos e bases de actuación da Unidade de Execución Rosalía de Castro-2. Ese será o primeiro paso para rematar a urbanización da céntrica rúa viguesa prolongándoa ata Isaac Peral.

Os novos estatutos da Xunta de Compensación de Rosalía de Castro-2 experimentarán importantes modificacións respecto aos que se aprobaron en 1994. Xavier Toba propuxo introducir diversos cambios co obxectivo de adaptar o documento a todas as especificacións recollidas na Lei do Solo de Galicia. Esas modificacións xa foron aceptadas pola Xunta de Compensación.

A novidade máis importante dos estatutos é a previsión de que o aparcamento que se constrúa na urbanización sexa de titularidade pública e de que a súa explotación saia a concurso. Outro cambio refírese á contribución municipal aos gastos de urbanización. O Concello só aportará a porcentaxe que lle marca a lei, a diferencia do que ocorreu coa urbanización da primeira fase de Rosalía de Castro.