Escoitar

Aberto o prazo do concurso de carteis para anunciar o Entroido 2002

mércores, 5 dec 2001
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural organiza un concurso para seleccionar o cartel que anunciará o programa do Entroido 2002. Os orixinais, ademais do logotipo e anagrama oficial do Concello de Vigo, deberán incluír necesariamente os textos Entroido 2002, do 8 ó 13 de febreiro e Vigo. Establécense un premio de 2.400 euros e 3 accésit 300 euros, cada un deles.

Os carteis presentaranse na Concellería de Festas e Animación Sociocultural (praza do Rei, s/nº: CP 36202), en horario de 9 a 14 horas. O prazo de presentación finalizará ás 14:00 horas do día 11 de xaneiro.

Neste concurso poderá participar, co número de obras desexado sempre que sexan inéditas, calquera persoa física ou xurídica.

Os orixinais realizaranse verticalmente, en papel de 40 x 55 cm sobre unha superficie, suficientemente protexidos e montados sobre soporte ríxido e desmontable, que permita a súa exposición. A técnica será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reproducción fotomecánica.

Os carteis serán presentados sen sinatura do autor e baixo un lema, que estará escrito no dorso do cartel, acompañados dun sobre pechado que porá no seu exterior o mesmo lema. No interior do sobre depositarase unha nota escrita a máquina ou rotulación adecuada, co nome e apelidos do autor, enderezo, número de teléfono e NIF ou CIF correspondente. O incumprimento dalgún destes aspectos será motivo de descualificación.

O premio único ou calquera dos accésit poderán ser declarados desertos polo xurado do concurso. Caso de que o xurado estimase que ningún dos traballos presentados resulta adecuado para ser o cartel anunciador oficial do Entroido 2002, o Concello de Vigo resolvería polos seus propios medios a edición do mencionado cartel.

Os interesados poden consultar as bases completas no departamento de Festas e Animación Sociocultural.